"A min gústame máis a liña de Inés Arrimadas porque se nos encasillou máis na dereita"

Meteuse na política porque se ilusionou co partido de Albert Rivera en Ciudadanos. Agora, que Rivera xa non está, José Álvarez Flores pasa a ser a figura que encarrilará o partido en Lugo. O seu obxectivo está por riba das siglas
José Álvarez. SEBAS SENANDE
photo_camera José Álvarez. SEBAS SENANDE

LEVA EN Ciudadanos seis anos. Despois de picotear en varios foros políticos, a través dos Comités Abertos de Facultade (CAF) ou cos ecoloxistas que encabezaba Jorge de Vivero, José Álvarez Flores —o home que coordina o partido laranxa en Lugo— sentíase desencantado da política ata que chegou Albert Rivera e fundou Ciudadanos. Así foi como este enxeñeiro técnico agrícola, que traballa na Oficina Agraria Comarcal de Sarria, atopou un partido que acolleu as súas inquedanzas, para as que antes non había espazo político axeitado.

Conveceuno Albert Rivera pero a súa carreira política foi de curto recorrido tralo fracaso nas últimas eleccións. Non se desilusionou con eses resultados?

Ciudadanos é un partido que nace coas expectativas do que é novo. Desilusión non é a palabra... Eu son unha persoa liberal, non teño dogmas, e creo que un proxecto político non se consolida da noite á mañá, é un camiño longo. Penso, ademais, que a única maneira de que cambie a política é que os problemas entre os políticos deixen de ser un problema para os cidadáns.

Subiu vostede ao poder de Ciudadanos xusto cando se marchou Albert Rivera, que tendía máis hacia a dereita, e chega Inés Arrimadas, que tira máis ás esquerdas. Onde está realmente Ciudadanos?

Estar no centro é complexo. Non estamos tan encasillados como a dereita e a esquerda. Progresista serei sempre e liberal. O liberalismo sempre foi progresista. O que nos vote ten que saber que nos vota para sacar propostas a diante. Por riba das siglas, están os proxectos. Eu mesmo, antes de estar en Ciudadanos, nunca votei a unhas siglas. De feito, votei a distintos partidos nas eleccións locais e autonómicas. Eu admiro aos alcaldes de Friol, O Courel, Trabada e Ribadeo. Son de distintos partidos pero todos eles fan boas políticas para os seus veciños e estou seguro que estes os votan non polas siglas. Se todos os políticos pensasen así, a política daría un volco moi importante.

Como é que sendo un seguidor de Rivera, sube ao poder do partido en Lugo con Inés Arrimadas?

O meu cargo foi elixido polos militantes. Os estatutos do partido renováronse ao mesmo tempo que entrou Inés Arrimadas na dirección. Votáronse todas as novas xuntas directivas.

Dentro desta renovación, pódese pensar que tamén se fixo moita limpeza no partido?

Limpeza é unha palabra moi fea. Votouse entre os afiliados. De aí saíron as dúas máximas representantes do partido en Galicia: Beatriz Pino e Olga Louzao.

Suponse que agora vostede estará na liña de Arrimadas, totalmente contraria á de Rivera...

A min gústame más a liña de Inés Arrimadas porque se nos encasillou máis na dereita. De todos os xeitos, di moito del que Rivera dimitise tralo fracaso electoral. Quitando a Suárez, Albert Rivera é un político que deu un gran exemplo. Se daquela Rivera lle tendese a man a Pedro Sánchez, estariamos noutra posición. Quizais Sánchez tivese preferido os independentistas pero foi un erro noso non intentalo.

E, en cambio, pactaron con Vox, un partido de extrema dereita.

Os termos extrema dereita e esquerda están desfasados. Tampouco é así. De todos os xeitos, nós non estamos en ningún goberno con eles. Houbo algún apoio con abstencións. Pero tamén poderiamos dicir outro tanto por Bildu co Goberno de Sánchez.

Cales son as expectativas políticas do seu partido en Lugo?

As eleccións están aínda lonxe, a dous anos vista! De momento, toca consolidar o proxecto, mediar o que poidamos e tomar parte na vida política. Olga Louzao está abonada a ser unha dos mellores rexidores de Lugo. Persoalmente, boto de menos a alcaldes como Joaquín García Díez ou José López Orozco, que fixeron un gran traballo por riba das siglas. Teriamos que facer unha política na que as persoas, os proxectos e as ideas están.

Comentarios