Seis meses despois non se sabe nada do loteiro fuxido

Loterías deu de baixa definitiva a administración que rexentaba nas Saamasas

La administración que regentaba el lotero huido permanece cerrada. AEP
photo_camera A administración que rexentaba o loteiro fuxido permanece pechada. AEP

Xa pasaron seis meses desde que puxo terra polo medio o loteiro que rexentaba a administración que se atopaba no centro comercial das Saamasas, na capital lucense, que presuntamente levou consigo ao redor d130.000 euros da recadación.

O paradoiro de A.F.S., de 53 anos de idade e con orixes en Pantón, segue sendo unha incógnita. Ninguén sabe onde está. Ao longo destes meses as conxecturas sobre o seu posible destino disparáronse. Pero coinciden en que se puido marchar fóra de España, a algún país co que non haxa acordo de extradición, como xa sospeitaba inicialmente a Policía Nacional, que investiga o caso. Uns apuntan a que se podería escapar a Suíza. Outros sinalan que a Brasil.

A familia do loteiro fuxido, que segue residindo Monforte de Lemos, asegura que tampouco sabe onde está, segundo puxeron de manifesto fontes próximas á investigación.

A.F.S. non abonou a Loterías e Apostas do Estado os ingresos que tivo na última semana do ano pasado, incluído o remate final do sorteo extraordinario de Nadal da Lotería Nacional, nin os correspondentes á primeira semana de xaneiro, que englobaban os do sorteo do Neno. A cantidade debida roldaría os 130.000 euros.

Foron as dúas empregadas do loteiro as que deron a voz de alarma, cando denunciaban o 11 de xaneiro na comisaría de Lugo que non dispuñan de diñeiro para pagar os boletos e décimos premiados e que o seu xefe se atopaba en paradoiro descoñecido.

Ese mesmo día, persoal de Loterías e Apostas do Estado retiraba os terminais e os billetes de lotería que se atopaban na administración sita no centro comercial Carrefour.

Aínda que o despacho permanece pechado desde o 11 de xaneiro, ata finais do mes pasado esta sociedade estatal non o daba de baixa definitivamente. O loteiro fuxido levaba uns dous anos e medio á fronte desta administración, que funcionaba desde hai case dúas décadas.

Comentarios