Menos de mil lucenses recuperarán o IRPF da prestación de maternidade

A repercusión da sentenza do Supremo é menor da esperada debido a que abundan as rendas baixas, con pouca ou ningunha retención

Los pies de un bebé.AEP
photo_camera O Supremo declarou ilegal a aplicación do IRPF ás prestacións por maternidade. AEP

A sentenza do Tribunal Supremo que declarou ilegal a aplicación do IRPF ás prestacións por maternidade, coñecida hai un mes, xerou expectativas en moitas familias ante unha potencial devolución de salario, pero en realidade non van ser moitos os fogares que reciban ese extra. Segundo as estimacións de Gestha, sindicato de técnicos de Facenda, en Galicia resultarán beneficiadas aproximadamente o 15,7% das mulleres (tamén algún home) que tiveron unha baixa maternal nos últimos catro anos. Segundo datos achegados polo Instituto Nacional da Seguridade Social, no período 2014-1017, na provincia de Lugo houbo 5.981 baixas maternais, polo que se estima que recibirán devolución do IRPF unhas 939 lucenses.

A principal causa desa pouca incidencia son os baixos salarios. "En Galicia, o 83% das nais traballadoras perciben salarios inferiores aos 18.400 euros anuais e, como as empresas calculan as retencións sobre os ingresos que realmente prevén pagar neses oito meses [a baixa rolda os catro meses], esa contía redúcese ata os 12.300 euros, unha cantidade pola que, en liñas xerais, non se realizan retencións", explicaba hai uns días un portavoz de Gestha a este xornal.

A iso hai que engadir as deducións ás que teñen dereito algunhas nais por diversas circunstancias, como situación familiar, compra de vivenda ou plan de pensións, segundo recorda a subdelegación do Goberno en Lugo.

O importe da devolución á que terán dereito as nais beneficiarias dependerá do tramo de ingresos no que estea situada como contribuínte. Da estimación que Gestha fixo para o conxunto de Galicia resulta unha media de 1.192 euros, fronte aos 1.410 que sae para a media española. A razón é, de novo, a diferenza nos salarios, máis baixos na comunidade galega.

A sentenza do Supremo afecta fundamentalmente ás mulleres que tiveron unha prestación por maternidade nos últimos catro anos (os que non prescribiron a ollos do fisco), pero tamén aos pais que gozaron do período cedido polas nais. En Galicia foron 55.839 as mulleres que, atopándose traballando, obtiveron a prestación por maternidade entre 2014 e 2017 e 1.289 homes que asumiron a baixa que lle correspondía á muller (só as seis primeiras semanas son de obrigado cumprimento para as nais).

O alto tribunal recorda no seu fallo que, de acordo co Código Penal e a regulación autonómica, considéranse situacións protexidas a maternidade, a adopción, a garda con fins de adopción e o acollemento familiar.

Tras coñecerse a sentenza, as asesorías empezaron a recibir un aluvión de consultas sobre como solicitar a devolución, pero Facenda aínda non estableceu o mecanismo. A idea é que sexa un trámite sinxelo, xa que os datos fiscais xa están en mans da administración, e todo parece indicar que a xestión terá que facerse de forma telemática, xa que esa é a tendencia nas xestións de Facenda.

Comentarios