Méndez quere un Concello "solvente" para paliar as consecuencias do Covid-19

A alcaldesa de Lugo aposta por manter o rigor orzamentario na medida do posible
Lara Méndez preside el pleno telemático desde su despacho. EP
photo_camera Lara Méndez, alcadesa de Lugo. ARQUIVO

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicou que a intención do goberno local, a pesar das diferentes liñas de axuda habilitadas pola administración municipal para paliar os efectos do estado de alarma provocado polo Covid-19, é manter na medida do posible o rigor orzamentario para non "desequilibrar" as contas municipais.

En declaracións aos medios de comunicación, a rexedora local recordou que recortar os ingresos municipais, coa exención do pago de determinados servizos que efectivamente se seguen prestando -como pode ser a subministración de auga ou a recollida de lixo-, podería provocar "un desequilibrio orzamentario".

A alcaldesa precisou que iso é algo que Lugo non pode permitirse, porque a crise que provocou o coronavirus en determinados sectores non quedará liquidada "en catro meses" e é moi probable que pemes e autónomos deste municipio sigan precisando axuda tamén o próximo ano.

O Concello activou o programa de subvencións directas Reanima, dotado con cinco millóns de euros

"Necesitamos unha administración solvente", dixo Lara Méndez, para acudir na súa axuda tamén "o ano que vén".

En todo caso, recordou que o goberno local está a traballar en dúas liñas de axuda para colaborar con autónomos e pemes a remontar esta situación, por unha banda mediante ingresos directos que achegan liquidez á economía municipal e, pola outra, mediante o adiamento do pago de determinados impostos.

O Concello activou o programa de subvencións directas Reanima, dotado con cinco millóns de euros, ademais de axilizar pagos a provedores por importe de 11 millóns, para inxectar "liquidez" na economía local.

Así mesmo, aprazou o pago de taxas e impostos municipais que suman "un circulante de 22 millóns de euros", precisou a alcaldesa.

Comentarios