Méndez propón reducir carrís en vías da Residencia para gañar aparcadoiros

A alcaldesa defende reducir o espazo para a circulación de coches nas rúas Francisco Lamas, Xoán Carballal e Concello, así como o repintado da Avenida Breogán. Con esas medidas, o impacto do carril bici limitaríase á perda 35 estacionamentos no barrio, dixo
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Vecinos que asistieron a la reunión, en el centro social Leiras Pulpeiro. VICTORIA RODRÍGUEZ

A alcaldesa presentou este martes aos veciños da Residencia un plan de reordenación viaria que afectará a varias rúas e permitirá que a construción do carril bici só supoña a perda de 35 prazas de aparcadoiro no barrio.

Lara Méndez dixo que o proxecto incluirá medidas como o repintado da Avenida Breogán para habilitar 192 prazas de estacionamento onde actualmente hai 144. Eses novos aparcadoiros sumaríanse aos 14 habilitados na rúa Pomar, aos 16 que hai no novo aparcadoiro da rúa Francisco Lamas e a outros 7 na rúa Saúde.

A eses 85 estacionamentos gañados coa reordenación viaria na zona poderíanse sumar máis a posteriori coa urbanización dos terreos do centro integral de saúde, dixo Méndez.

Os cambios viarios proxectados polo Concello inclúen tamén a supresión dun carril de baixada, en dirección á N-6, desde a rúa Francisco Lamas ata a rúa Orquídea, para permitir a creación de novos aparcadoiros en espiga, avanzou Méndez.

Co mesmo obxectivo, suprimiríase tamén un carril en cada sentido de circulación entre a rúa Xoán Carballal e a rúa Concello, anunciou a alcaldesa. Asegurou que desde ese punto e ata a entrada do colexio Menéndez Pelayo manteríanse os dous carrís da esquerda e anularíase un da marxe dereita da vía.

Trátase dun tramo de 535 metros no que, tras a reestruturación, habería 48 prazas de aparcadoiro máis para que os veciños da zona poidan deixar os seus vehículos, apuntou a rexedora.

Méndez dixo que é consciente de que a creación do carril bici  obrigará a un cambio de hábitos a algúns veciños, que xa non poderán deixar os seus coches onde o facían agora exactamente. No entanto, cos cambios proxectados de acordo cos técnicos municipais garántese a existencia de dotacións para que poidan aparcar nas inmediacións, dado que no conxunto do barrio só perderanse 35 aparcadoiros, recalcou Méndez.

Nunha reunión que estivo moi concorrida e que se prolongou bastante tempo, a alcaldesa reivindicou o carril bici como un proxecto de cidade e, así, remarcou que esa senda de 14 quilómetros para bicis non foi concibida como unha alternativa de lecer, de paseo ou deportivo —como pode ser a do Rato—, senón co obxectivo de crear unha rede para que os lucenses utilicen a bici nos seus desprazamentos diarios.

Dado que o que se busca é que os lucenses usen a bici para desprazarse pola cidade, o fundamental era crear itinerarios seguros e estes deseñáronse con criterios estritamente técnicos, nos que se tivo en conta toda a normativa e o plan municipal de mobilidade, defendeu Méndez.

A alcaldesa insistiu en que o trazado e a característica do carril bici non son froito da improvisación, senón dun estudo "exhaustivo" da cidade, no que primou a seguridade dos ciclistas e os peóns á hora, por exemplo, de determinar que zonas contarán con carrís segregados e cales con vías de coexistencia de tráficos, defendeu Méndez.

A alcaldesa recordou que a obra finánciase con fondos europeos e que se trata dun proxecto "finalista", o que leva que a paralización suporía a perda do diñeiro e o risco de que a UE penalice á cidade cando solicite outros fondos. á vez, defendeu que se trata dunha iniciativa "ambiciosa", que busca que Lugo avance para ser unha cidade moderna e europea, cunha mobilidade máis saudable e sostible.

Trátase de crear 14 quilómetros de carril bici para unir oito barrios co río. Irá ata o paseo do Miño polo Parque Rosalía, a Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real, unindo  zonas deportivas e comerciais coa contorna fluvial, recordou. O reto é que tanto maiores como novos e nenos poidan desprazarse en bicicleta pola cidade de forma forma segura.
 

Comentarios