Méndez pide aos lucenses que eviten concentracións "cando van buscar un café"

A alcaldesa reclama a "implicación" de todos os veciños porque os datos "non son bos"
ULTIMOS CAFES EN LOS BARES DE BURELA TRAS ORDENAR LA XUNTA SU CIERRE POR LA SITUACION COVID DEL CONCELLO- FOTO JM ALVEZ
photo_camera Un café sobre unha barra, antes do peche. SEBAS SENANDE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reclamou a "implicación" persoal "de todos" os veciños da cidade para tratar de frear os contaxios da covid-19, porque a pesar das restricións establecidas hai quince días, co peche perimetral do municipio e de hostalería, "os datos non son bos".

"A preocupación é compartida entre o goberno local e a xerencia da área sanitaria", recoñeceu, "porque os datos non son bos" e obrigan a seguir "traballando e incidindo na concienciación cidadá". Nese sentido, Méndez recordou que "todos somos imprescindibles" para darlle a volta "a esta situación".

Por iso, fixo un chamamento aos cidadáns para que non se concentren cando "van buscar un café" para tomalo na rúa ou nos seus postos de traballo, así como para que non se formen "grupos" de pais ás portas de colexios cando van recoller ou a buscar aos seus fillos.

Logo de falar este xoves a con as autoridades sanitarias, confirmou, ademais, a existencia de máis focos de contaxio na cidade, sobre os que xa ese está a traballar para cortar as cadeas de transmisión.

O 'tirón de orellas' do comité clínico
A mensaxe da alcaldesa chega un día despois de que o comité clínico que asesora á Xunta lle dera un tirón de orellas aos lucenses. Os expertos lanzaron unha chamada de atención a toda a cidadanía xa que perciben que as restricións "non se están a cumprir dun xeito franco", e pediron un maior "esforzo" aos cidadáns para reducir a incidencia de casos.