Méndez pide aos mozos que avancen contra a violencia machista

Presentou ante 220 estudantes de Eso e Bac a obra 'Libres e vivas'
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Lara Méndez acudiu á presentación da obra 'Libres e vivas'. VICTORIA RODRÍGUEZ

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pediu aos 220 alumnos de cuarto de Eso e primeiro de BAC que se reuniron este mércores no auditorio para a presentación do libro coral Libres e vivas que se responsabilicen para "que non se dean pasos atrás na consecución desa igualdade, dereitos que tanto custou acadar, polos que moitas mulleres perderon a vida e que corren serio risco de perderse”.

Ao acto de presentación tamén acudiu a concelleira de muller e igualdade, Silvia Alonso; o director da  Editorial Galaxia, Francisco Castro, e María López Sández e María Xosé Porteiro, dúas das autoras participantes na obra colectiva, que ten como obxectivo concienciar contra a violencia machista desde idades temperás e pór en coñecemento dos mozos os recursos de prevención ao seu alcance. Méndez recordou que, desde o ano 2003, no que se comezaron a contabilizar os crimes machistas, foron asasinadas 1.114 mulleres en toda España, 66 delas en Galicia.

A concellaría de muller e igualdade, que asumiu a edición de 2.000 exemplares da obra, puxo en marcha esa iniciativa para chegar aos máis novos. "En cada relato hai unha historia de dor e inxustiza que alimenta a crenza de moitos homes de que teñen dereito a exercer ou control e a violencia contra as mulleres”, sinalou a edil Silvia Alonso recordando o prólogo do libro, á vez que animou aos mozos a enviar ao correo electrónico da concellaría, [email protected], a súa opinión tras a lectura.

Comentarios