Méndez e Miñones abordan proxectos e infraestruturas estratéxicas para Lugo

Primeira toma de contacto entre a alcaldesa e o delegado do Goberno, ambos do PSOE 
Miñones visita el Concello de Lugo. EP
photo_camera Miñones visita o Concello de Lugo. EP

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o delegado do Goberno, José Miñones, abordaron proxectos e infraestruturas estratéxicas para a cidade da muralla, nunha primeira toma de contacto este mércores. Tras asinar Miñones no libro do Concello, a alcaldesa, Lara Méndez, agradeceu a súa visita e aproveitou para darlle o parabén polo nomeamento. 

"Nesta primeira visita o que se persegue é unha toma de contacto, trasladarlle os proxectos que estamos a desenvolver na nosa cidade, que necesidades, que inquietudes e visións que temos de futuro que coinciden coas directrices que se están expondo desde o propio Goberno do estado, no eixo da transición ecolóxica, da sustentabilidade, para que coñeza de primeira man os nosos proxectos", apuntou Méndez. 

Igualmente, non dubidou en pór o acento en que se seguirá "reivindicando esas infraestruturas tan necesarias para conectar coa comunidade autónoma e coa meseta, infraestruturas viarias e ferroviarias". 

"Temos que agradecer o esforzo que está a facer o Goberno na posta en marcha e a aposta real para que esas infraestruturas vaian a termo, no impulso da autovía A-54, no impulso da rede ferroviaria, na electrificación. Eu sempre digo que unha vez superada unha dificultade xérase outra", concluía a alcaldesa, que lle fixo entrega ao delegado dun pin e un libro sobre a muralla romana de Lugo.

ALCOA. Pola súa banda, Miñones, tras referirse á problemática de Alcoa en Santiago, reiterou en Lugo que "nunca un goberno apoiou tanto como está a facer agora" a esta factoría "e a toda a industria electrointensiva, como se acaba de demostrar este martes no Consello de Ministros coa aprobación de 91 millóns de euros para seguir apostando polo sector". 

En canto a unha posible "intervención", insistiu en que "non é a Sepi a función que ten de facer esa intervención", senón que "está para pivotar precisamente axudas no proceso de venda". "Neste caso é Alcoa a que ten que seguir nese compromiso e que sexa real, que é o que se pediu desde o primeiro momento", finalizou. 

Comentarios