Méndez felicítase pola presenza de concelleiras de Lugo na executiva do PSdeG provincial

"Ao final trátase de dar participación a todas as institucións, a todo o territorio da provincia", asegurou a alcaldesa de Lugo
Lara Méndez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Lara Méndez. VITORIA RODRÍGUEZ

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, congratulouse por unha "maior representación" da cidade na nova executiva provincial do PSOE, tras a asemblea do sábado que levantou á secretaría xeral á deputada de Burela Patricia Otero.

Esta foi a resposta tras preguntárselle se se lle "rebaixou" na estrutura socialista provincial, despois de que fora colocada como presidenta de honra e non como presidenta do partido na provincia, como ocorría na executiva liderada por Álvaro Santos. "Eu creo que a cidade de Lugo queda reforzada, ten maior representación na nova executiva onde ademais temos a un compañeiro de vicesecretario xeral (Miguel Couto) e eu sigo sendo presidenta de honra do partido", afirmou.

Neste sentido, apuntou que ao final trátase de dar participación a todas as institucións, a todo o territorio da provincia". "Xa digo, o concello ten moita máis representación do que tiña", apostilou.

Méndez non dubida de que o partido "sae unido" tras este proceso de primarias que culminou co congreso provincial do pasado sábado celebrado no Hotel Torre de Núñez. "Estamos afeitos ter procesos internos, asumímolos con moita naturalidade, con moita normalidade. O noso partido é un partido demócrata onde temos esa democracia interna, onde temos capacidade de falar e de discutir, incluso, distintas formulacións. Pero unha vez que sae un proxecto todos pechamos filas ao redor dese proxecto", presumiu.

INTERMODAL. Polo demais, e sobre a ausencia de goberno en Madrid e como afecta ao concello, Méndez constatou que esa incidencia xa se ve nos propios orzamentos que son "fundamentais". "Nós sempre dixemos que (os orzamentos) son un instrumento imprescindible e no ámbito estatal tamén porque impide desenvolver cuestións que nos afectan ao territorio", sinalou.

Finalmente, apelou á necesidade da "estabilidade" a nivel nacional para "poder seguir tendo os proxectos e as formulacións cos que se continúa traballando". "Porque por exemplo hoxe (por este luns) teremos unha reunión con técnicos de Adif e da Xunta para seguir co proxecto de intermodal", puxo como exemplo.

"O feito de que estea constituído o goberno sempre é unha garantía para seguir planificando, proxectando as infraestruturas necesarias para Lugo como é a intermodal", profundou.

Comentarios