Méndez di que o Goberno está a cumprir o seu compromiso co Ave

A rexedora reitera o seu compromiso coa chegada de tren de alta velocidade á cidade e destaca este obxectivo "en común con Ferrol"

Lara Méndez. SEBAS SENANDE
photo_camera Lara Méndez. SEBAS SENANDE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou este luns que o seu goberno seguirá reivindicando a chegada do tren de alta velocidade á cidade, pero tamén quixo precisar que, neste momento, o Goberno de España está a cumprir o "compromiso" adquirido e estao facendo "a golpe de Boletín Oficial do Estado e a golpe de Orzamentos".

Méndez fixo estas declaracións ao ser preguntada polos xornalistas pola posibilidade de crear unha fronte común con Ferrol para defender a mellora das infraestruturas ferroviarias que comunican ambas as cidades.

"Seguiremos reivindicando ese obxectivo común que temos con Ferrol", dixo a rexedora local, unha cidade coa que Lugo mantén "unha relación cordial" e coa que comparte "un espazo de traballo en común, que é o Eixo Atlántico".

En calquera caso, insistiu en que o goberno local de Lugo está centrado en reclamar a chegada do Ave e, en canto a ese obxectivo, "están a darse pasos" por parte do Goberno de España.

"Cremos nese compromiso do Goberno central", asegurou a alcaldesa.