Méndez confirma que empezará a negociar o orzamento esta semana

A alcaldesa de Lugo admite que será difícil conseguir o apoio dos populares, que cualificaron as contas como "unha horda de mentiras"

Lara Méndez. SEBAS SEBANDE
photo_camera Lara Méndez. SEBAS SEBANDE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confirmou que esta mesma semana iniciará as negociacións cos grupos da oposición para buscar o apoio que necesita para sacar adiante o orzamento deste ano, que ascende a 96,6 millóns de euros aínda que xa sabe que terá difícil o acordo cos populares, que xa cualificaron estas contas como "unha horda de mentiras".

"Non me sorprende, foi a dinámica dos últimos anos, o non polo non. Pondo sempre por encima os intereses partidistas e non os de cidade", dixo Méndez, en relación coas declaracións do portavoz municipal do PP, Antonio Ameijide.

De feito, afirmou que se tivesen en conta os "intereses da cidade, o primeiro que farían sería estudalos e cando visen que realmente recollen as propostas aprobadas en pleno non poderían dicir que non".

É máis, a rexedora local asegurou que o orzamento que acaba de presentar o goberno local está formado por "propostas demandadas" e moitas delas aprobadas en pleno por unanimidade", de modo que rexeitar as contas sen "valoralas" e sen "coñecelas" xa "demostra" cal é a postura do PP.

Confía, en todo caso, en poder convencer a algún dos outros cinco grupos da oposición para sacar adiante un orzamento que trata de materializar "iniciativas, propostas, que foron aprobadas por unanimidade nos plenos".

Trátase, aclarou, de darlle "continuidade" ao traballo que realizan os grupos políticos no Concello, porque "de nada vale levar iniciativas moi boas aos plenos se non as consignamos, se non as dotamos de partidas económicas para poder executalas".

Comentarios