Méndez confía en que xaneiro xa se estea executando o primeiro orzamento do bipartito

O obxectivo é levalo a pleno en novembro
Lara Méndez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Lara Méndez. VITORIA RODRÍGUEZ

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confirmou este xoves que o goberno local, formado por socialistas e nacionalistas, ten a intención de levar ao pleno de novembro o orzamento para o ano 2020, co obxectivo final de que a execución das contas empece xa no mes de xaneiro.

O último orzamento aprobado polo goberno local de Lugo foi o de 2018, cando a rexedora local, que entón gobernaba en minoría, tivo que someterse a unha cuestión de confianza para poder sacar adiante as súas contas.

Agora, co BNG como socio de goberno e con maioría absoluta no pleno, confirmou que ambos os partidos están "a traballar" coa idea de aprobar o orzamento de 2020 en novembro, de modo que a execución das primeiras contas do bipartito poida comezar xa no mes de xaneiro.

"Ese é o obxectivo", recoñecía a alcaldesa, antes de entrar no pleno no que foi aprobada a actualización das ordenanzas fiscais municipais.

O Partido Popular criticou en relación con esas ordenanzas a "falta de ambición do bipartito", porque simplemente "corrixen disfuncións", pero "son insuficientes para impulsar o emprendemento e mellorar a calidade de vida dos lucenses".

Comentarios