Méndez celebra o éxito económico e Ferreiro que non houbo incidencias

A alcaldesa e a responsable de cultura aseguran que o bo tempo propiciou unha grande afluencia de xente e axudou á hostalería

undefined
photo_camera Ringleiras no recinto feiral. ARQUIVO

A responsable de cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, fixo un balance positivo da celebración das festas patronais do San Froilán 2021, un evento que transcorreu sen "incidencias" e onde se evidenciaron as "ganas" dos veciños por recuperar a normalidade tras a crise sanitaria do covid. 

A edil do BNG, que alegando a situación de pandemia rexeitou a instalación de atraccións no recinto feiral —o que provocou a intervención da alcaldesa, que asumiu persoalmente a organización do feiral—, destacou a masiva resposta de veciños e visitantes ao recinto feiral e a afluencia aos locais de hostalería da cidade. A pesar de que as restricións sanitarias non permitiron unhas patronais "ao cen por cen", houbo "unha resposta apropiada en canto á participación", dixo. 

Ferreiro defendeu que o saldo do San Froilán 2021 foi positivo e valorou "a axuda impagable do bo tempo, que fixo que moitas persoas saísen á rúa a gozar de todas as actividades ao aire libre". 

O programa festivo contou cun total 50 actuacións de bandas de Lugo, máis 25 pasacalles, que permitiron gozar do "talento musical que hai na cidade, ademais con estilos de música ben diferentes", incidiu Ferreiro. A concelleira nacionalista destacou tamén que as entradas se esgotaron en só "tres horas". 

Maite Ferreiro: "Esta edición das festas de Lugo demostrou que temos ganas de diversión e de abrazarnos, a pesar das medidas"

Reivindicou tamén o programa do San Froilán Miúdo, con 14 actividades para os máis pequenos, catro delas itinerantes, ou os espectáculos protagonizados polo Mago Antón polos barrios, onde participaron sobre 1.200 persoas. 

Así mesmo, Maite Ferreiro incidiu especialmente na volta das orquestras á Praza de Augas Férreas. "Estas festas demostráronnos que temos ganas de diversión, temos ganas de bailar e de abrazarnos; a pesar das medidas impostas podemos volver retomar, un pouco, a actividade normal". 

Para rematar, agradeceu a participación e implicación dos hostaleiros, que supliron a ausencia das "casetas do polbo" coa instalación de caldeiros de polbo nos seus negocios e dos efectivos de seguridade e urxencias. 

LARA MÉNDEZ. Pola súa banda, a alcaldesa dixo que a última edición do San Froilán deixou un saldo "moi positivo" e foi un "éxito económico e social". Lara Méndez manifestou que ao longo dos nove días de festas congregáronse "máis de 178.000 visitantes", o que obrigou a que ás veces houbese que soportar ringleiras nos controis de acceso de máis dunha hora nos días máis sinalados da festa. 

Lara Méndez: "Estamos moi satisfeitos co San Froilán. Durante os 9 días de festas congregáronse máis de 178.000 visitantes"

"Estamos moi satisfeitos do desenvolvemento desta nova edición do San Froilán, pese as dificultades e o escaso marxe temporal conseguimos que os barraquistas puideran retomar o seu traballo e contribuiran a dinamizar, deste xeito, as rúas da nosa cidade". 

A satisfacción municipal tamén foi corroborada pola asociación de hostalería da provincia, xa que, segundo os datos facilitados pola Apehl, a ocupación hostaleira rozou o 100% durante a ponte do Pilar, "unha noticia moi positiva para Lugo e para a reactivación económica do municipio", en palabras da alcaldesa. 

Lara Méndez destacou tamén o compoñente rexenerador que supuxo a celebración das patronais lucenses, logo de atravesar unha pandemia. "As festas tamén tiveron un compoñente social moi importante, pois os nenos e nenas merecían uns días de diversión despois destas etapas tan duras". 

Máis información: Expectativas máis que superadas

DESCONTOS. Neste sentido, a alcaldesa destacou o prezo reducido das atraccións do feiral "co obxectivo de que todos os cativos e cativas puidesen gozar das barracas", compromiso que a rexedora selou cos feirantes a cambio de non cobrarlles as taxas este ano. 

Así mesmo, Lara Méndez recordou que desde a área de benestar distribuíronse medio milleiro de entradas para regalar aos nenos das familias máis vulnerables dadas de alta no programa de Educación Familiar, coa finalidade de que ningún neno de Lugo quedase sen subir nas atraccións da feira. 

A rexedora tamén quixo agradecer novamente o comportamento exemplar da cidadanía dentro do recinto, e lamentou que se producisen ringleiras para entrar. "As medidas establecidas buscaron priorizar a saúde e manter controlados os aforamentos para evitar aglomeracións", recordou.