Lara Méndez apela ao "voto útil" ao PSdeG para evitar que goberne a dereita

"Estamos a xogarnos moitísimo. Estamos a xogarnos un modelo de cidade progresista, que siga na vangarda", recalca a rexedora

Lara Méndez. SEBAS SEBANDE
photo_camera Lara Méndez. SEBAS SEBANDE

A alcaldesa e candidata socialista á Alcaldía de Lugo, Lara Méndez, fixo un chamamento ao "voto útil" ao PSdeG, primeiro para evitar que a dereita se faga co goberno da cidade e "segundo" para "ter estabilidade" nos próximos catro anos para desenvolver o seu "programa electoral" e os investimentos comprometidos. "Estamos a xogarnos moitísimo. Estamos a xogarnos un modelo de cidade progresista, que siga na vangarda, non só estatal, senón tamén europea. Un modelo de cidade de crecemento ou de retroceso", incidiu nun acto en Lugo a rexedora local, porque esa é "a alternativa que dá a dereita".

Na mesma liña, recordou que nuns comicios aos que se presentan doce candidaturas, cun "80% dos grupos que son formacións de esquerda", ou se vai ao "voto útil" ou a "disgregación da esquerda pode dar lugar á entrada da dereita" no goberno local da cidade de Lugo. De aí, insistiu a alcaldesa, "a importancia de ir ao voto útil" e "de non perder votos polo camiño", porque "poida darse o paradoxo de que tendo o apoio da cidadanía", eses partidos da esquerda, se non "sacan ese 5%" dos votos precisos para obter representación na corporación, poden favorecer "a entrada ao goberno da dereita".

"Nós queremos seguir co noso proxecto de futuro, co noso proxecto de progreso, por iso pedimos apoio, primeiro para ser a forza gañadora e segundo para ter estabilidade no goberno, algo que é fundamental", engadiu. De feito, a candidata socialista manifestou "que a inestabilidade impide aprobar un orzamento anual" e, polo tanto, impide executar "investimentos" e o cumprimento do programa electoral. 

Comentarios