Méndez anuncia os primeiros orzamentos municipais "con perspectiva de xénero"

A alcaldesa insistiu no compromiso "firme" de Concello para fomentar a igualdade coa "ferramenta máis potente" da que dispón
Lara Méndez. EP
photo_camera Lara Méndez. EP

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou, acompañada pola concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, que o orzamento municipal do Concello para o próximo ano será elaborado "por primeira vez con perspectiva de xénero". 

Para iso, precisou, a planificación das contas municipais incorporará, "ademais dun informe de impacto de xénero", unha "análise política do gasto municipal con indicadores e medidas a aplicar" para unha distribución equitativa do gasto municipal que favoreza a igualdade real entre homes e mulleres. 

"Iniciaremos para iso un proceso complexo que require dunha implantación progresiva, que nos levará varios exercicios, pero temos a determinación de que os presupostos de 2021 nazan baixo o amparo desta filosofía", para "reforzar as políticas encamiñadas a conseguir unha igualdade real", engadiu. 

Nese sentido, insistiu no compromiso "firme" de Concello para fomentar a igualdade coa "ferramenta máis potente" da que dispón, que son "os orzamentos municipais", porque "sinala as prioridades do goberno" e sostén a súa "capacidade para concretar políticas". 

Comentarios