O 25-N levou aos artistas Primo de Banksy, de Lugo, e Abraham Calero, de Palma de Mallorca, a pór en marcha un proxecto de colaboración artística cruzada, para lanzar as súas contundentes mensaxes contra a violencia de xénero. Ambos os creadores levaban meses pensando traballar xuntos, xa que asumen que teñen linguaxes parecidas e igual implicación. O resultado é que en Palma apareceu unha obra do lucense, unha Magdalena que leva a pensar en traxedias e inxustizas como os feminicidios. En Lugo, en tanto, plasmouse o traballo de Calero. Cada un dos artistas encargouse de elixir o lugar no que colocar a obra do outro para provocar a reflexión dos cidadáns.
Acto folclórico en San Marcos
Ademais, unha cita co folclore deu pé este mércores en San Marcos a revisar a cultura popular. O acto, dirixido por Branca Vilares e programado pola vicepresidencia da Deputación, propúxose facer unha revisión do cancionero tradicional e popular para reflexionar sobre aspectos que poden supor apoloxía da violencia contra as mulleres ou que contribúen a perpetuala e normalizala.
Nesa revisión festiva participaron o coro de canto tradicional e percusión da Tradescola, os músicos Pablo Pintor e Alis Martínez, así como os bailaríns do colectivo Glovo.
Actuacións e actos simbólicos repetíronse tamén no Centro Audiovisual da Deputación
O espectáculo pechou unha xornada de xestos nas rúas da cidade, que incluíu a colocación por parte da edil Cristina López dunha coroa de flores no cemiterio, en memoria das vítimas e das mulleres que loitaron contra a violencia de xénero.
Ademais, a concellaría de participación tamén organizou un reparto de máscaras na Praza de Abastos e o Mercado.