O belga Meersman fai dobrete en Lugo nun accidentado final

O colombiano Darwin Atapuma mantén o xersei vermello de líder e avantaxa en 29 segundos a Alejandro Valverde. O holandés Steve Kruijswick foi o máis afectado polas caídas
Meersman, la caída en la Ronda, espectadores que confunden valentía con temeridad y un polémico bolardo carente de protección
photo_camera Meersman, la caída en la Ronda, espectadores que confunden valentía con temeridad y un polémico bolardo carente de protección

O belga Gianni Meersman (Etixx), o mesmo que levou o primeiro esprint da Volta en Baiona, volveu levantar os brazos na quinta etapa disputada entre Viveiro e Lugo, de 171,3 quilómetros, que finalizou envolvida en caídas e co colombiano Darwin Atapuma (BMC) á fronte da xeral.

Un final accidentado que seleccionou a un grupo de 15 corredores, onde volveu aparecer imbatible Meersman para asinar o dobrete ante a oposición do italiano Fabio Felline (Trek) e do francés Kevin Reza.

O pelotón foi chegando con contagotas, cortado polos accidentes de última hora. O nerviosismo por coller a posición e as forzas intactas no principio de volta provoca situacións de máximo perigo. O holandés Steve Kruijswick (Lotto Jumbo) foi o máis afectado coa clavícula maltreita. Non é o seu ano. No Giro retirouse cando ía coa maglia rosa. Adeus á Volta .

Os favoritos "libraron" e mantiveron as posicións na xeral. Ao producirse o accidente no último quilómetro o tempo foi o mesmo para todos. Atapuma retivo "a vermella" e avantaxa en 29 segundos a Alejandro Valverde, en 33 a Chris Froome e en 39 a Esteban Chaves e Nairo Quintana. Alberto Contador é décimo terceiro a 1.53 do líder.

"A caída produciuse diante de min e tiven a sorte de saltar por encima da perna dun ciclista. Para min, foi un día tranquilo, pero sempre hai nervios porque aquí lóitase por un segundo coma se fose un minuto", explicaba Alberto Contador.

Logo de días asollados presentouse a choiva en Viveiro para o traxecto lucense ata a capital. Contra vento, auga e algúns lóstregos saltou de inmediato o portugués Machado disposto a escribir unha bonita historia triunfal. O luso levou ao francés Morice, do Direct Energie, compañeiro de Calmijane, o heroe anónimo da véspera en San Andrés de Teixido.

O guión escrito de antemán marcaba desenlace ao esprint. Non haberá moitas máis oportunidades, polo que os equipos dos escasos velocistas que non se asustaron polo percorrido enseguida axudaron ao BMC do líder na persecución. Tomárono en serio cando a renda pasou dos 7 minutos.

Machado cargou as pilas no avituallamento, a 75 de meta. Decidiu tentar á épica abandonando a Morice á súa sorte. Restaba a peor parte do percorrido, crebado, "rompepernas". O portugués merendouse o Porto de Marco de Álvare en solitario e marchaba coas ilusións intactas, alleo ao que se cocía no grupo.

O Trek, Etixx e Giant tiraban a piñón dun pelotón cada vez máis estirado, que a 44 quilómetros para a liña de meta tiña a Machado a 3.30. O BMC rodaba encantado de ceder o mando unha vez asegurada "a vermella" de Atapuma, así como o Sky de Froome e o Movistar de Valverde e Quintana. Os ilustres gardan forzas para as etapas de montaña da fin de semana.

O inevitable produciuse a 14 quilómetros de meta. O pelotón foi unha muralla insalvable para Machado ás portas de Lugo, pero o corredor do Katusha non se foi sen carga: levou o premio ao combativo do día.

Outra etapa, máis curta e explosiva daba comezo. A hora da verdade para designar ao vencedor nunha cidade que non recibía unha etapa desde facía dez anos. A loita por impor un "tren" toleou ao pelotón, que se cortou na zona ascendente. Os grandes diante para evitar leas.

A 2 de meta, o belga Philippe Gilbert e o australiano Simon Clarke trataron de sorprender sen éxito. A sorte estaba botada, pero foron as caídas as encargadas de marcar a sorte final. O trompazo de Gesink rompeu o grupo. Quedaron á fronte apenas 15 corredores.

Entre eles Gianni Meersman. O belga de 30 anos converteuse no mellor esprinter da "serie B" de velocistas. Leva dúas vitorias. Máxima rendibilidade nunha Volta que espantou aos mellores velocistas cun percorrido trufado de finais no alto. Non pasará os muros, pero o belga derrubou a muralla de Lugo.

Este xoves dispútase a sexta etapa entre Monforte de Lemos e Luintra, de 163,2 quilómetros.