domingo. 08.12.2019 |
El tiempo
domingo. 08.12.2019
El tiempo

Medio século de sangría demográfica

Case medio milleiro de aldeas de Lugo teñen só un morador. EP
Case medio milleiro de aldeas de Lugo teñen só un morador. EP
El primer revés que sufrió la provincia de Lugo en su número de habitantes fue la emigración de la mano de obra en los años 60

As estatísticas que reflicten como o despoboamento vai baleirando a provincia de Lugo son para levar as mans á cabeza. Pero tamén pon de manifesto que este non é un problema recente nesta porción do país do millón de vacas, senón que vén padecendo desde fai máis de medio século.

A provincia de Lugo alcanzou o seu pico máis alto de poboación en 1960, con 491.995 habitantes. Case 60 anos despois perdeu case un terzo de habitantes, 162.526. A 1 de xaneiro deste ano tiña 329.469, segundo os datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística (Ige).

Esa sangría inicial pódese atribuír á emigración de lucenses a outras comunidades autónomas, sobre todo Cataluña e País Vasco, en busca de oportunidades laborais. O dente de serra máis pronunciado na gráfica desta evolución demográfica produciuse entre 1960 e 1970, cando a provincia perdeu case 69.000 habitantes. A esa fuga de man de obra sumaríase nas décadas posteriores o descenso da natalidade.

Por este motivo Lugo é un dos lugares máis apropiados para acoller o foro que se celebrará o vindeiro mércores, Solucións intelixentes contra o despoboamento, que pretende achegar luz a esta sangría demográfica a partir de experiencias que saíron airosas neste duelo. O congreso, que acollerá o Círculo das Artes, está organizado pola entidade Next Educación, que preside o xornalista e sociólogo Manuel Campo Vidal, e o Grupo El Progreso.

NACEMENTO E ÓBITOS. Se seguimos escarbando nas estatísticas, atopámonos que na provincia de Lugo o número de habitantes que teñen máis de 65 anos de idade case duplica ao dos que non alcanzan os 24 anos, 95.831 -case tantos como a poboación da capital lucense- fronte a 57.188.

Unha das explicacións a esa pirámide poboacional case inversa é que por cada nacemento que se produce na provincia de Lugo contabilízanse dous falecementos.

Lugo non só é unha das provincias máis envellecidas de España, senón que tamén o é do conxunto da Unión Europea.

Esa sangría demográfica e ese envellecemento están a provocar unha alarmante desertización no rural lucense. As estatísticas falan de que case medio milleiro de aldeas lucenses xa só ten un único habitante, iso si cunha lonxeva esperanza de vida.

Medio século de sangría demográfica