A maioría do lecer nocturno de Lugo ten un protocolo ante agresións machistas

Locais das zonas de movida da capital lucense dispoñen dunha guía de actuación
Un local de Lugo que dispone de la guía de actuación frente a la violencia machista. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Un local de Lugo que dispone de la guía de actuación frente a la violencia machista. VICTORIA RODRÍGUEZ

O caso da agresión sexual presuntamente cometida polo exfutbolista do FC Barcelona Dani Alves unha moza nunha discoteca da cidade condal e a dun produtor de cine a unha actriz na festa posterior á gala dos premios Feroz provocou que se examine se os establecementos de lecer nocturno dispoñen de protocolos de actuación ante a violencia machista.

A "maioría" dos locais das zonas de movida da capital lucense si dispoñen de guías de como teñen que proceder nunha situación así, segundo aseguraba onte o dono da cervexería-pub Cook, Suso Díaz.

"Nunca tivemos ningún problema, porque somos un local de primeira hora. Pero os nosos camareiros e porteiros están informados de como teñen que reaccionar e chamar á Policía", afirmou este empresario.

Os establecementos dispoñen dunha guía de actuación elaborada polo Ministerio de Igualdade e a Federación Nacional de Empresarios de Lecer e Espectáculos, España de Noite, e teñen distribuída cartelería polo local co número de teléfono 016 —gratuíto, confidencial e que está operativo as 24 horas os 365 días do ano— e o de WhastApp 600.00.00.16 para que poidan contactar aquelas persoas que sentan en perigo.

Facer un xesto coa man ou preguntar por Ángela son outros dous sinais das vítimas para pedir axuda

Ante unha situación de acoso ou violencia sexual, recomenda á vítima contactar co persoal de control de acceso ou cos camareiros, que están informados sobre como actuar nestes casos.

Se está acompañada por amigos, aconsella que permaneza ao seu lado e que solicite a súa colaboración. Se está soa, que pida axuda doutros clientes do local.

Á marxe destas actuacións recomendadas polo Ministerio de Igualdade e España de Noite, hai outras que está estendidas entre a sociedade. Un xesto tan sinxelo como o de abrir a palma da man e ocultar o pulgar baixo os dedos é un sinal para pedir axuda ante un caso de violencia de xénero.

Outro das mensaxes de socorro, difundido a través das redes sociais, ao que se pode recorrer é o de preguntar por Ángela.

Comentarios