Un matrimonio acepta penas de prisión por falta de pagamento á Seguridade Social e alzamento de bens

O home asume unha pena de tres anos de cárcere e unha multa de máis de 300.000 euros e a muller, un ano de prisión

Audiencia de Lugo. AEP
photo_camera Audiencia de Lugo. AEP

Un matrimonio que ía ser xulgado este martes na Audiencia Provincial de Lugo por delitos contra a Seguridade Social e alzamento de bens, dado que ambos estaban acusados de eludir o pago das cotas dos seus empregados —a pesar de detraer a cantidade correspondente das súas nóminas— e de ocultar os seus bens para impedir o cobro por vía executiva, aceptaron finalmente penas de cárcere que suman catro anos de reclusión.

O ministerio fiscal pedía inicialmente oito anos de prisión para el e cinco para ela, pero, co acordo entre defensa e acusación, o marido aceptou unha pena de tres anos de cárcere por delitos contra a Seguridade Social e alzamento de bens, así como unha multa superior a 308.000 euros. Mentres, a muller será condenada a un ano de prisión e a unha multa de 1.800 euros.

Segundo o escrito de acusación, os dous procesados acumularon unha débeda de case 200.000 euros coa Seguridade Social, por falta de pagamento das cotas dos traballadores da súa empresa de construción —con sede na zona sur de Lugo— durante varios anos, a pesar de que os administradores da sociedade si descontaban a contía correspondente das nóminas dos empregados.

Ademais ambos están acusados de transferir a titularidade de varios vehículos ao seu nome entre as súas empresas, coa "única intención de ocultar e subtraer os bens dos acredores, imposibilitando así o cobro da débeda por parte da Seguridade Social".

En canto á responsabilidade civil, os acusados deberán indemnizar á Tesourería Xeral da Seguridade Social con case 200.000 euros.