Martínez despídese e pregúntase se o BNG volverá aplicar "a doutrina antiorozco"

O alcalde de Becerreá deixa a Deputación tras 20 anos, os catro últimos "duros"

Manuel Martínez, en el pleno de la Diputación de Lugo de este martes. SEBAS SENANDE
photo_camera Manuel Martínez, no pleno da Deputación de Lugo deste martes. SEBAS SENANDE

O alcalde de Becerreá e aínda deputado non adscrito na Deputación de Lugo, Manuel Martínez, dixo que, logo dos resultados das eleccións do pasado domingo, está a esperar a comprobar se "os inmaculados do BNG" van aplicar con Darío Campos e Lara Méndez "a doutrina antiorozco e antimartínez" que os levou a vetalos a ambos como alcalde e como presidente da institución, respectivamente.

En declaracións aos medios de comunicación, antes de participar nun pleno ordinario da Deputación de Lugo, recordou que "Lara Méndez está imputada e o presidente da Deputación está imputado". "O que quero ver é se eses inmaculados do Bloque Nacionalista Galego manteñen a doutrina de hai catro anos, ou agora os absolven e gobernan xuntos", engadiu.

"Foron catro anos duros, nos que afloraron todas as miserias humanas, imaxínome que por unha banda e pola outra", sostivo Manuel Martínez, quen opina que houbo "unha falta total de respecto, tanto ás normas do Partido Socialista como ás normas do grupo provincial e federal" en relación coa súa "persoa".

RESULTADOS. En calquera caso, asegurou que non lle "preocupa" o que suceda, porque está "moi satisfeito" polos resultados obtidos nas eleccións locais, tendo en conta que conseguiu de novo a maioría absoluta no municipio de Becerreá, do que seguirá sendo alcalde.

"Quero agradecerlles o seu apoio aos veciños de Becerreá, porque sempre dixen que o meu futuro político ía estar ligado a eles", engadiu, así como á xente que apoiou as candidaturas de Galicia Sempre nos cinco municipios nos que presentou lista. O partido conseguiu representación en tres deles.

Con respecto á súa despedida da Deputación, manifestou que "vinte anos, son moitos", polo que quixo agradecer "a paciencia" que tiveron con el os funcionarios. "Termina unha época política que para min foi importante. Incluso nestes catro anos aprendín moito sobre as persoas, a falta de palabra e as mentiras, que xa as vivín noutros momentos, pero non con esta intensidade", concluíu. 

Comentarios