As axudas do plan de reactivación local pódense solicitar desde o martes

Poderanse beneficiar todas as pemes e autónomos afectados polos peches
undefined
photo_camera Lara Méndez. VICTORIA RODRÍGUEZ

O Concello de Lugo anunciou que o martes 20, a partir das 9.00 horas, ábrese o prazo para presentar as solicitudes para percibir as axudas directas do II Plan de Reactivación Económica para autónomos e empresarios.

O obxectivo é inxectar liquidez aos sectores máis afectados polas restricións sanitarias da pandemia. O executivo mobilizará a través deste plan 1.060.000 euros, o que supón o 1 por cento do orzamento municipal para este ano.

Deste xeito, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explica que o Concello atende o compromiso que adquiriu como goberno local tras a negociación frustrada coa Xunta, onde os municipios defendían que, debido ás graves consecuencias económicas derivadas da pandemia, todas as administracións deberían achegar unha porcentaxe dos seus orzamentos para axudas directas, concretamente o 1%, o que suporía unha achega de 116 millóns para salvar empregos, no canto dos 75 millóns que finalmente mobilizará o goberno autonómico.

Este será o segundo plan que lanza o Concello para facer fronte ás consecuencias económicas do covid-19, despois do Plan Reanima, dotado de 5 millóns de euros e do que se beneficiaron máis de 3.300 empresarios e autónomos.

Para facilitar a tramitación das axudas, os técnicos municipais organizarán este luns, ás 12.00 horas, unha videoconferencia con asesorías lucenses, na que explicarán polo miúdo as bases da programación, e responderán a todas as dúbidas que poidan xurdir en canto á súa solicitude e pago.

De xeito paralelo, e para xerar novos postos de traballo, o Concello puxo en marcha a estratexia Lugo Transforma, un fondo de risco municipal de 12 millóns de euros para atraer ao municipio máis investimentos e empresas co fin de ampliar e diversificar o tecido produtivo.

O procedemento realizarase unicamente desde a sede electrónica municipal

LÍNEAS DE AXUDA. O Plan de Reactivación establece dúas liñas de axudas directas a autónomos, microempresas ou pemes.

A liña A de axudas está dirixida a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se se teñen 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se se teñen menos de 5.

Nesta categoría entran hoteis e aloxamentos turísticos; establecementos de hostalería, empresas vinculadas coas artes escénicas, as dedicadas á creación artística e literaria, xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios.

Mentres, a liña B axudará a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se inclúen todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, é 1.000 euros por beneficiario.

PROCEDEMENTO. Para este novo plan, o executivo municipal establecerá un procedemento que non terá a consideración de concorrencia competitiva.

Por iso, as achegas entregaranse por rigorosa orde de entrada das mesmas no rexistro electrónico do Concello, e tras a comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados, e ata esgotar o crédito.

Procedemento dixital 
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos e única e exclusivamente a través da sede electrónica do Concello. O acceso ou ruta para formalizar a solicitude mediante a cumplimentación do formulario é o seguinte: https://www.lugo. gal/portal/tramites. Logo, no apartado servizos da sede, o solicitante debe escoller a opción catálogo de procedementos e, despois, seleccionar o procedemento A008 – solicitude de axuda.

Certificación bancaria
Ao formulario deberá anexarse obrigatoriamente a certificación bancaria da titularidade da conta designada polo solicitante para o posterior pago da subvención.

Comentarios