María García Ferro deixa a vicesecretaría do Concello de Lugo

Ocupará o cargo de secretaria de Castroverde e o seu posto en Lugo cubrirase cun funcionario do Concello habilitado para ese efecto
María García Ferro. AEP
photo_camera María García Ferro. AEP

María García Ferro deixa a vicesecretaría do Concello de Lugo para ocupar unha praza de secretaria no de Castroverde. Esta funcionaria xa exerce como secretaria de Pedrafita e seguirá combinando ese posto co seu novo destino a partir deste xoves, último día de exercicio no Concello lucense.

O cargo que deixa vacante será cuberto por outro funcionario xa en exercicio no Concello de Lugo, pero do que aínda non transcendeu o nome. Será un nomeamento provisional e, para facelo efectivo, será preciso solicitar á Xunta a habilitación dese traballador.

Enquisa: ¿Que lle parece que se vaia a peonalizar o cento por cento do centro histórico para 2024?

Os secretarios e vicesecretarios deben ser funcionarios habilitados. No caso de que un que aínda non o é opte a exercer ese labor debe cumprir antes co trámite da habilitación. Para iso, o único requisito é que a persoa da que proponse a súa habilitación sexa funcionaria do grupo A1. Non é precisa unha determinada antigüidade. Se se cumpre esa premisa, a Xunta adoita resolver concedendo tal condición con certa con rapidez.

María García Ferro, que se incorporou ao Concello de Lugo en 2013, ocupou durante un tempo os postos de secretaria e vicesecretaria. Despois de que José Antonio Mourelle Cillero dimitise en marzo de 2016, só un mes logo do seu nomeamento tras ser chamado a declarar como investigado na operación Polbo, ela asumiu eses dúas postos clave na administración por varios anos.

Ver máis: Só poderán acceder ao centro histórico residentes, provedores de servizos e clientes dos parking

A miúdo eses postos ocúpanse provisionalmente con persoal en comisión de servizos porque, cando que se sacan a concurso as prazas, ningún funcionario habilitado con rango para ocupalos opta a eles, en parte porque noutros concellos da categoría do de Lugo as remuneracións para estes postos son máis elevadas.

A vicesecretaria asesora á xunta de goberno e trátase dun posto de vital importancia nunha administración local. Os compañeiros de García Ferro no consistorio organizaron para este xoves unha comida de despedida para desexarlle o mellor no seu novo posto en Castroverde. Espérase que o seu substituto se dea a coñecer en cuestión de apenas uns días.

Comentarios