Maite Ferreiro: "A Xunta ten que asumir a Rede Museística Provincial e as residencias"

Este é un ano que dificilmente poderá esquecer esta muller de Tórdea (Castroverde). En tres meses pasou de ser edil da oposición a ser cabeza de lista do BNG ao Congreso e cogobernar na Deputación e no Concello de Lugo, compatibilizando a vicepresidencia do organismo provincial coa responsabilidade de cultura en ambas institucións
_SEN9068
photo_camera Maite Ferreiro, nos soportais da Casa do Concello. EP

Maite Ferreiro entrou no BNG en 1985, o ano no que veu ao mundo o seu xefe de filas no Concello de Lugo, Rubén Arroxo. Pero ata trinta anos despois, 2015, non asumía o seu primeiro cargo público, edil en Lugo. Nun só mandato daba un brinco da oposición ao goberno. E o xoves tomaba posesión como vicepresidenta da Deputación.

A súa é unha carreira meteórica.

A miña traxectoria non é dun día para outro. Levo militando no BNG desde o ano 85. Sempre formei parte da Comisión de Acción Feminista. Estiven 12 anos traballando no sindicalismo agrario. É difícil atopar mulleres que asuman unha responsabilidade pública porque é difícil compatibilizar tanto tempo e esforzo que require coa maternidade, a vida laboral ou o coidado dos maiores. É tamén o é porque aos homes nunca se lles cuestiona e a nós esíxennos que teñamos tempo, dedicación, formación... Hai catro anos custoume moito asumir a responsabilidade de ir na candidatura, pero despois dinme conta de que tiña que aproveitar todas as oportunidades para aprender, coñecer xente... e tamén por coherencia. Cando as mulleres estamos pedindo oportunidades, se a organización nolas dá, non as podemos rexeitar.

Como vai compatibilizar os cargos no Concello e na Deputación?

Sempre me gustou traballar en equipo. As decisións persoais en política nunca son boas. Na concellería temos un equipo de persoas de confianza, con formación política e que ademais temos unha relación persoal moi boa, de moitos anos, que vai liberar moito do traballo que tería que facer no Concello. Na Deputación tamén imos intentar facer o mesmo. Botando man deses dous equipos e dedicándolle tempo e esforzo vou intentar facelo o mellor que poida nestes catro anos.

Cargos de responsabilidade
"Cando as mulleres estamos pedindo oportunidades, se a organización nolas dá, non as podemos rexeitar"

E ademais arranca coa organización das festas de San Froilán.

Temos a ventaxa de que hai moitas cousas que están xa doutros anos. Quédanos a producción das actuacións musicais. Ademais temos a fortuna de ter persoal moi traballador, moi formado, disposto a dedicar as horas que fagan falta, que sabe moi ben como hai que facer as cousas, con moi bo ambiente de traballo... e iso é fundamental para a xestión de todos os trámites no menor prazo posible.

Xa recibiu a primeira na fronte pola contratación de Def con Dos.

Foi unha sorpresa as reaccións que houbo; parecéronme esaxeradas. É un grupo veterano, de Vigo e con cancións no Xabarín Club. Desde que foi condenado o seu cantante en 2017, por esa sentenza que respecto, pero non comparto, actuou sen problemas en moitos sitios, ata que chegou a Madrid. Para min as palabras non matan. Paréceme máis preocupante as cancións machistas de reggaetón, que falan de pegar ou matar a mulleres. Ademais o PP e Ciudadanos póñense de perfil cando a extrema dereita cuestiona moitos adiantos en igualdade de xénero, a fenda salarial, o maltrato... E tamén interpretan a liberdade de expresión dependendo de quen veña. Estes días o arcebispo de Burgos dixo que as mulleres tíñamos que resistir nunha violación ata morrer para defender a castidade. Nin Ciudadanos, nin o PP, nin a extrema dereita fixeron mención. Oxalá que o San Froilán sexa un éxito, onde visitantes e veciñanza o pasemos ben. Imos facer unha programación que guste a todos.

Non é incoherente cogobernar a Deputación e ao mesmo querer baleirala?

Non. Nas eleccións déronnos unha responsabilidade con tres deputados. Ese adelgazamento haino que facer tamén desde dentro. O BNG empezou a aplicar o plan único. Hai un compromiso de ampliar a súa dotación para que sexan os concellos os que decidan porque é a administración que está máis cerca da veciñanza e sabe as súas necesidades. E tamén é un xeito de que desde a Deputación non se prime aos concellos pola súa cor política, senón a todos por igual.

Coincide con José Tomé en transferir as residencias de maiores?

Si. É unha competencia que ten que asumir a Xunta. Na Deputación pasou o que pasou nestes anos, haberá que respectar aqueles compromisos que haxa porque os concellos tampouco teñen culpa de certos comportamentos para min irresponsables. Pero a tendencia é paralizar todo iso e despois solicitar que a Xunta asuma as residencias.

Que máis queren traspasar?

Imos intentar transferencias de estradas porque non ten sentido que unha estrada sexa ata aquí da Deputación, despois do Concello e máis alá da Xunta. Os museos, como as residencias, ten que asumilos a Xunta. Como sucedeu cos servizos e o persoal do hospital San Xosé, e non pasou nada.

RENOVACIÓN

Aínda que non está formalizado, todo apunta a que Efrén Castro será o voceiro do BNG, ademáis de levar deportes, e a outra deputada nacionalista, Mónica Freire, medio rural e do mar.

Cal foi o pacto máis doado, o do Concello ou o da Deputación?

Para min foi máis fácil o pacto no Concello porque eu tiña un coñecemento máis a fondo do que viñamos facendo e do que queríamos porque o vivín nestes catro anos. Pero non digo que fora doado.

O BNG mudou os seus deputados, a que se debeu esa renovación?

Valorouse desde os órganos de dirección que había que renovar, dar paso a xente nova. Ademais, nas eleccións municipais houbo a incorporación de moitos concelleiros novos. Quérese compaxinar xente con experiencia con nova. Os compañeiros que estiveron (Antón Bao, Mario Outeiro, Xosé Ferreiro e Antón Veiga) son unha referencia e seguro que os teremos que chamar moitas veces.

Aínda que lograron un deputado máis, non saíron peor parados no reparto de áreas co PSOE?

Para nós é moi importante o traballo en cultura, porque queremos contar cos colectivos e levar actividades ao rural, porque temos o problema do despoboamento. É cuestión do que ti esteas disposto a facer e do que sexa prioritario. As áreas non deixan de ser nomes, o contido é o importante.

Comentarios