Maite Ferreiro: "O sector turístico lucense está preto de recuperar as cifras de 2019"

A Oficina Municipal de Turismo da Praza do Campo atendeu durante os primeiros 20 días de agosto máis de 7.400 persoas
photo_camera Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. CEDIDA

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou sobre o número de visitantes que chegaron a Lugo durante os primeiros meses do ano. Neste sentido, Ferreiro destacou que "o sector turístico continúa a súa recuperación e no concello de Lugo estamos preto de chegar ás cifras do 2019 en número de visitantes".

A Oficina Municipal de Turismo atendeu nos primeiros 20 días de agosto 7.442 persoas. Durante todo o mes de agosto do ano 2019, o total de persoas atendidas na Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo ascendeu a 10195.

Maite Ferreiro explicou que "malia que descendeu o número de visitantes procedentes de outros países, o número de turistas que se achegan desde outras partes do estado aumentou notablemente".

Lugo estase a posicionar como un destino estratéxico para as turistas que visitan Galicia

Así as cousas, a edil de Turismo afirmou que "Lugo estase posicionando como un destino estratéxico para o turismo en Galicia, un dos obxectivos das campañas turísticas que puxemos en marcha nestes anos".

Entre os visitantes que se achegaron á Oficina Municipal de Turismo durante este verán destacan os procedentes de Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía.

En canto ao turismo internacional, Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais.

Comentarios