Maite Ferreiro levará a Fitur a campaña 'Lugo Km100'

Esta iniciativa será o principal activo turístico do municipio
Maite Ferreiro anunciando a campaña LugoKm100. CEDIDA
photo_camera Maite Ferreiro anunciando a campaña Lugo Km100. CEDIDA

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistirá en representación do Concello da Lugo Feira Internacional de Turismo (FITUR) co obxectivo de mostrar "ao mundo" os valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais de Lugo, centrándose na promoción da campaña Lugo Km100.

Ferreiro declarou que acudirá un ano máis á feira que se celebra en Madrid a finais de xaneiro. Segundo a edila, Lugo está a situarse actualmente como un punto importante no turismo, tanto polo patrimonio co que conta a cidade, como pola súa proximidade co resto de Galicia. A titular de Turismo asegurou que os datos da campaña Lugo Km100 están a demostrar esta tendencia sobre a relevancia que vai gañando a cidade dentro do panorama turístico galego.

"Trátase dunha aposta para pór en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural", explicou Maite Ferreiro. Desta campaña, destacou as diversas accións executadas pola Tenencia de Alcaldía para promocionar Lugo como o punto de partida do Camiño Primitivo, "cumprindo cos 100 quilómetros mínimos que se requiren para obter a Compostelá".

Así mesmo, tamén puxo en valor as festas de San Froilán, que este pasado ano "estiveron á altura merecida", en palabras da concelleira, como outro dos eixos sobre os que pivotará a promoción da cidade nesta edición de Fitur.

Comentarios