Maite Ferreiro: "Buscamos que Lugo sexa o centro das visitas a Galicia"

Turismo retomará a camapaña Lugo Km 100, estreada o ano pasado, que se enfocará no turismo de proximidade
Presentación da campaña turística en Fitur o pasado ano. EP
photo_camera Presentación da campaña turística en Fitur o pasado ano. EP

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou da campaña coa que o Concello de Lugo terá presenza na feira internacional de turismo Fitur, que terá lugar en Madrid no mes de maio.

Maite Ferreiro explicou que “Lugo atópase a 100 km de moitas zonas turísticas de Galicia, como A Coruña, A Mariña, Compostela ou a Ribeira Sacra, isto, xunto co gran patrimonio histórico e cultural co que contamos, fai que Lugo teña un gran potencial como centro neurálxico do turismo de proximidade”.

"Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo, e ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo", lembrou Maite Ferreiro, que engadiu "isto fai de Lugo un atractivo turístico de primeira orde dentro do turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir". 

A campaña Lugo Km 100 foi presentada na edición 2020 de Fitur, como unha aposta para poñer en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural. A campaña está acompañada de diversas accións realizadas polas distintas áreas da Tenencia de Alcaldía para promocionar Lugo como punto de partida do Camiño Primitivo cumprindo cos 100 Km mínimos que se requiren para obter a Compostela.

Comentarios