Máis caro encher o depósito pero menos que en oito provincias

CARBURANTES: Hai diferenzas de ata 22 céntimos por litro de diésel entre gasolineiras de Lugo. Atópase entre os territorios con prezos máis elevados de España. Baleares segue sendo a comunidade na que máis custa fornecerse e Galicia é a sexta

gasolinera
photo_camera Unha gasolineira de Lugo. VITORIA RODRÍGUEZ

Encher o depósito en Lugo custa máis que hai un ano, aínda que segundo a gasolineira na que se encha o prezo pode variar ata 22 céntimos por litro de diésel. Por provincias, Lugo agora é a novena, cando en xullo de 2018 era a terceira. Millóns de vehículos abarrotaron estes días as estradas galegas e do resto do Estado no que é un dos fins de semana con máis movementos do ano. A segunda operación saída, sumada ao retorno dos que tiveron as súas vacacións na primeira quincena do mes de xullo, non só deixou retencións nas principais vías de comunicación do país, senón tamén cuantiosos ingresos nas estacións de servizo.

Este verán, con todo, os condutores que se desprazan polas estradas galegas xa non pagan os carburantes máis caros da España peninsular. Basta con botar unha ollada aos datos de 2018 para darse conta: en xullo do ano pasado, Galicia era a segunda comunidade autónoma co gasóleo de automoción máis custoso do país e a terceira en canto á gasolina de 95. O primeiro destes combustibles pagábase entón a unha media de 1,257 euros por litro nas gasolineiras galegas e o segundo roldaba os 1,340. En ningún outro punto do Estado, salvo en Baleares, o diésel resultaba máis caro e só os asturianos, ademais dos condutores do arquipélago mediterráneo, tíñanse que rascar máis o peto que os galegos para encher os seus depósitos de gasolina.

Lonxe de baixar, desde xullo de 2018 os prezos do gasóleo en terras galegas subiron de media dous céntimos por litro e os da gasolina tres, pero aos condutores pódelles quedar o consolo de que, polo menos agora, as estacións de servizo da comunidade autónoma xa non son as máis caras de España.

OSCILACIóNS. O último informe mensual do Geoportal de Gasolineiras do Ministerio para a Transición Ecolóxica indica que a comunidade autónoma ocupa o sexto posto, por detrás de Baleares, Asturias, País Vasco, Cantabria e Madrid. No que respecta aos rankings provinciais, en só un ano Pontevedra pasou de ser a segunda co diésel máis caro de España a ser a undécima, Lugo pasou do terceiro posto ao noveno; Ourense, do quinto ao sétimo, e A Coruña, do cuarto ao vixésimo primeiro, marcando a maior diferenza.

A metade do prezo da gasolina correspóndese a impostos

Nas catro provincias resulta máis caro encher o depósito que hai un ano, aínda que non toda a ganancia queda nas caixas rexistradoras das gasolineiras. En España, de acordo co último boletín publicado polo ministerio, o 52,3 por cento do que pagan os condutores pola gasolina de 95 corresponde a impostos, e no caso do gasóleo de automoción, estes constitúen o 47,6 por cento do prezo de venda ao público. Nesas porcentaxes inclúense factores como o Iva (que nos carburantes é do 21 por cento), os tipos estatais xeneral e especial do Imposto de Hidrocarburos (IH) e o tipo autonómico.

Falando en euros, se non fose polas taxas, os condutores galegos pagarían só uns 66 céntimos por cada litro de gasolina e 67,6 céntimos por litro de gasóleo. Aínda que as sumas chaman a atención, o certo é que en toda a Unión Europea non hai moitos países que apliquen menos porcentaxe de gravames aos carburantes que os que se fixan en España. No caso da gasolina, só son sete e no diésel, unicamente catro (Bulgaria, Luxemburgo, Malta e, curiosamente, Portugal, aínda que alí a diferenza co noso país é minúscula).

IMPOSTOS. E, ¿cales son os demais factores que determinan canto custan os carburantes? Nos estados con prezos libres, estes fórmanse en función de variables como a cotización internacional de crus e doutros produtos utilizados na composición dos combustibles, a cotización de divísaa fronte á moeda na que cotizan o cru e eses produtos (neste caso, o euro fronte ao dólar), os citados impostos vixentes e a marxe de distribución e comercialización. As tres primeiras variables fíxanas os mercados, os impostos fíxanos os gobernos e a marxe restante, as empresas comercializadoras. Todo isto provoca que dentro dunha mesma comunidade autónoma, ou incluso na mesma provincia, haxa importantes diferenzas entre unhas estacións de nbsp;servizo&e outras.

á hora de determinar o prezo dos carburantes, os responsables das gasolineiras non só teñen en conta a locación xeográfica e as posibilidades de atraer clientes dos seus negocios, senón tamén as relacións coas compañías petroleiras, así como a súa situación e relación empresarial (propiedade, abanderamiento, exclusiva, etcétera). A isto súmanse as políticas de mercadotecnia e a competencia, entre outras variables. Con todo isto encima da mesa, en ocasións os condutores optan por desprazarse quilómetros para buscar as gasolineiras máis baratas.

En Lugo hai diferenzas de ata 22 céntimos por litro entre a gasolineira máis barata e a máis cara

No caso da provincia de Pontevedra, a diferenza entre as estacións co diésel máis económico e o máis custoso chega a ser de 16 céntimos por litro. Segundo os prezos do pasado venres publicados polo Ministerio no seu Geoportal, a que vende este combustible máis barato está en Gresande (Lalín), a uns 1,129 euros por litro, e o mesmo día as máis caras eran dúas de Vigo (na estrada de Madrid) e A Cañiza, ambas a 1,289 euros. Na provincia de Lugo, o abanico é aínda maior, de 22 céntimos por litro. O venres, a máis barata era unha gasolineira do polígono do Ceao (1,059 euros por litro de gasoil) e a máis cara, unha de Monterroso (a 1,28).

En terras coruñesas, o rango de prezos varía ata 19 céntimos, entre os 1,109 da gasolineira da rúa Isaac Peral ata os 1,299 doutras situadas na Escravitude, Negreira, A Rocha Vella, Roxos, Brins ou en Santiago de Compostela, de acordo cos prezos desa mesma xornada. Algo máis de trece céntimos é o que poden aforrar os condutores en Ourense, aínda que alí, curiosamente, a máis barata e unha das máis caras conviven en San Cibrao das Viñas (a primeira, a 1,133 euros, situada no polígono industrial, e a segunda, a 1,269, no lugar de Infesta). Igual de caro estaba en Verín, A Mezquita ou Taboadela.

Comentarios