Máis de 200 gandeiros poñen a producir en Lugo 1.200 hectáreas abandonadas

Ese importe, precisou o portavoz da Deputación, Álvaro Santos, é o correspondente ás dúas primeiras edicións dun programa de incentivación

Álvaro Santos. EP
photo_camera Álvaro Santos. EP

Un total de 220 gandeiros e agricultores lucenses puxeron a producir de novo parcelas que suman 1.200 hectáreas de superficie e que estaban totalmente abandonadas, grazas ás axudas concedidas pola Deputación de Lugo para a recuperación deses terreos, por un importe global que ascende a 560.000 euros.

Ese importe, precisou o portavoz do goberno provincial, Álvaro Santos, é o correspondente ás dúas primeiras edicións dese programa que puxo en marcha a Deputación de Lugo para mobilizar superficie agraria abandonada co obxectivo de pór de novo en produción esas terras.

Santos precisou que o goberno provincial xa puxo en marcha a terceira edición dese programa de axudas, dotada cun orzamento de 300.000 euros.

"Os interesados poden solicitar esa liña de axudas ata o vindeiro venres, 28 de setembro. Quero recordar que a axuda por hectárea ascende a 500 euros e cada beneficiario pode recibir ata 9.000 euros", precisou.

As axudas van dirixidas a gandeiros e agricultores a título individual, agrupacións de produtores, SAT's ou persoas xurídicas que sexan titulares de explotacións gandeiras -cun mínimo dunha hectárea de superficie-.

Comentarios