Máis de 200 comercios sumáronse á campaña do Nadal do Concello

O obxectivo desta iniciativa era dinamizar as rúas e os establecementos da cidade e promover as compras no comercio tradicional
Uno de los vuelos en globo aerostático. AEP
photo_camera Un dos voos en globo aerostático. AEP

Máis de 200 establecementos da capital lucense participaron na campaña do Nadal Lugo é Capital posta en marcha pola área de desenvolvemento local do Concello de Lugo, en colaboración coa Federación de Comercio, que regalou viaxes en globo aerostático a unhas 300 persoas.

O obxectivo desta iniciativa era dinamizar as rúas e os establecementos da cidade e promover as compras no comercio tradicional.

Foron en total 208 locais os que solicitaron e luciron nas últimas semanas os adornos do Nadal repartidos polo Concello de Lugo. As persoas que realizaron as súas compras en establecementos de proximidade entraron no sorteo de viaxes en globo aerostático. Máis de 5.000 persoas rexistraron os seus billetes para participar, das que unhas 300 puideron subir a esta aeronave.

O concelleiro de desenvolvemento local, Mauricio Repetto, destacou "a boa acollida desta campaña, tanto entre os comerciantes como entre a cidadanía". Ademais, agradeceu a todos os lucenses "o seu apoio aos pequenos establecementos da cidade, nun momento de especial dificultade, polas restriccións derivadas da pandemia".

Durante esta campaña catro recoñecidos influencers visitaron algunhas das tendas que se sumaron a esta campaña e publicaron nos seus perfís de Instagram diferentes vídeos para promocionar o comercio lucense.

Tamén tivo lugar unha campaña de animación infantil, que consistiu na entrega, a través dun elfo, de globos e cartas para Papá Noel e a recollida por este nunha carpa instalada na Rúa Menorca, á que se achegaron uns 200 nenos. Celebrouse así mesmo un concerto de panxoliñas para ambientar as rúas.

Rexistrou ademais unha elevada participación a actividade de cambiar billetes de compra dos establecementos da Avenida da Coruña por agasallos a elixir entre cuncas, bólas decorativas, axendas ou blocs de notas. Entregáronse preto de 1.200. Un copito de neve encargouse de facelo cada xoves.

Con motivo da visita dos Reis Meigos, distribuíronse polos comercios 500 cartas para enviar ás súas maxestades de Oriente. Un paxe real recolleu as 150 dos nenos que acudiron á carpa situada na Rúa Menorca.

Comentarios