viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

Maderas Besteiro ábrese ao mercado centroamericano

Francisco Conde observa cómo funciona el almacén inteligente
Francisco Conde observa cómo funciona el almacén inteligente
A empresa lucense, que recibiu a visita do conselleiro Francisco Conde, ten o almacén intelixente "máis grande e sofisticado" do sector en Galicia

Maderas Besteiro, empresa familiar fundada fai 86 anos que vai pola súa terceira xeración, é "un exemplo" de modernización, innovación e internacionalización, os tres alicerces para ser competitivos. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que visitou este martes as súas instalacións na estrada de Friol.

Esta madeireira puxo en marcha o ano pasado un almacén intelixente, que ten capacidade para uns 90.000 metros cadrados de taboleiros de diferentes tamaños, pesos e grosores. O investimento ascendeu a un millón de euros, para o que contou cunha subvención do Igape.

Ese almacén importado de Alemaña, que está considerado "o máis grande e sofisticado" do sector na comunidade galega, ten case 400 referencias de distintos taboleiros.

Empresarios de Cantabria, País Vasco e outras comunidades autonómas visitaron Maderas Besteiro para coñecer o seu funcionamento. A priori é moi sinxelo. O software recibe o deseño coa peza a fabricar. Un brazo que funciona con aire comprimido busca ao longo dos 1.040 metros cadrados que ten o almacén intelixente de superficie o taboleiro adecuado, polo seu tamaño, peso e grosor, e colócao de forma automática na máquina de corte ou seccionadora, que o realiza.

Esta avanzada ferramenta contribúe, segundo explicou o xerente da empresa, Mario Carballo, a "unha mellor organización; un mellor acabado, un menor número de deterioracións e danos no taboleiro e o seu maior aproveitamento".

Tamén incorporou unha máquina destinada ao mecanizado de madeira estrutural, que é "única en España e da que apenas hai unha trintena en todo o mundo".

INTERNACIONALIZACIÓN. Maderas Besteiro, cuxo persoal está formado por 75 traballadores, acaba de abrir unha oficina comercial en Panamá, xa que pretende facerse un oco no mercado centroamericano. Xa exportou mobles de cociña e armarios a ese destino.

Mario Carballo explicou que a empresa se dedica á segunda transformación da madeira e non só á venda de taboleiro, pois busca xerar valor engadido. Así citou, por exemplo, os seus proxectos de vivendas de madeira.

Durante a súa visita, o conselleiro de Economía e Industria, que estivo acompañado pola delegada terrritorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou que esta firma lucense "estase a situar nun sector moi importante para Galicia, que supón o 3,5% do seu PIB e que é o sector industrial que máis emprego xera, 20.000 directos e case 50.000 indirectos".

Francisco Conde fixo tamén fincapé en que a madeireira está a desempeñar "unha labor orientada a súa modernización, desde o punto de vista dos procesos produtivos, pero tamén traballando no eido da innovación e da internacionalización".

O titular de Industria agregou que Maderas Besteiro está "asumindo os retos da axenda de competitividade Industria 4.0" deseñada pola Xunta de Galicia.

Sinalou ademais que é "un momento clave" para a consolidación da recuperación económica e que Galicia "está traballando no bo camiño", como, ao seu xuízo, pono de manifesto que nos resultados de produción industrial está "por encima da media nacional".

NOVA VISITA. Francisco Conde regresará este mércores á capital lucense. Ás 20.00 horas participará na sede da CEL nunha xornada de networking con empresarios, na que informará as axudas e servizos con que conta o seu departamento para as pemes galegas.

Maderas Besteiro ábrese ao mercado centroamericano
comentarios