LugoNovo comprométese a non pactar con políticos que estean imputados

O seu candidato, Santiago Fernández Rocha, aposta por ''devolver a decencia'' á política

O candidato de LugoNovo á Alcaldía de Lugo, Santiago Fernández Rocha, afirmou que a lista que encabeza preséntase coa idea de devolver "a decencia" á política, polo que esta formación non "pactará nunca con xente imputada", nin tampouco co PP, porque ''se demostrou que é un niño de corrupción".

Fernández Rocha descartou a posibilidade de pactar acordos de goberno con "imputados", o que descartaría unha posible coalición co actual alcalde e candidato do PSdeG, José López Orozco, e incluso con persoas que non asuman "responsabilidades políticas" por malas actuacións, "por acción ou por omisión".

Tamén descartou calquera posible acordo co Partido Popular, porque "aínda que Castiñeira e os membros da súa candidatura fosen moi honrados", os sucesos dos últimos anos "demostraron" que esas siglas "son un niño de corrupción".

En canto posibilidade de que cheguen a un pacto con outra forza emerxente, como Ciudadanos, afirmou que a súa postura política é "unha incógnita total" e, desde o seu punto de vista, parece un partido creado a modo de "colchón, para ir recollendo os votos que vai perdendo o PP". Iso reduce as súas posibilidades de pacto "a forzas de esquerda" que estean "dispostas" e "sen imputados".

En canto á propia ideoloxía política LugoNovo, recordou que máis que un partido é "unha plataforma", de xente "con distintas sensibilidades", que se rexe por dous principios cos que todos están de acordo, que son "democracia e persoas ou democracia e dereitos". Afirmou que os seus integrantes intentan que sexa unha plataforma "absolutamente democrática desde a súa creación" que, aínda que recibe "apoio" de partidos como Anova, CXG ou incluso Podemos, as persoas que forman parte da mesma "teñen total liberdade" de acción.

Comentarios