Lugonovo promete axilizar o pago a provedores e as licenzas

A formación tamén se comprometeu cos empresarios do Ceao e As Gándaras a aplicar rebaixas fiscais e mellorar o transporte público

Miembros de Lugonovo, con un representante de los empresarios. EP
photo_camera Membros de Lugonovo, cun representante dos empresarios. EP

O candidato de Lugonovo á alcaldía, Xosé Chorén, e outros membros do seu equipo reuníronse este martes cun representante da Asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras e comprometéronse a mellorar a xestión interna do Concello para poder axilizar a tramitación de licenzas e o pago aos provedores. A demora que hai en ambos os asuntos é motivo frecuente de queixa.

Chorén tamén anunciou aos empresarios a creación dunha oficina municipal que recolla as demandas da industria lucense. Así mesmo, Lugonovo expón a necesidade de revisar as políticas fiscais actuais e de incluír novas bonificacións para fomentar o asentamento de negocios na cidade.

A mellora do transporte público é outro dos compromisos que os membros de Lugonovo adquiriron cos empresarios do Ceao e As Gándaras, que estiveron representados polo tesoureiro da asociación, Ramón Alonso. A plataforma cidadá tamén ve necesario profundar nas relacións entre a empresa, o Concello e a Universidade.

Lugonovo destacou a posición xeográfica estratéxica que ten Lugo e "a valía" do empresariado lucense, mentres que Alonso trasladou ao candidato algunhas das demandas dos empresarios. Entre elas, medidas de conciliación familiar como a construción dunha escola infantil nas proximidades dos parques empresariais, a mellora da seguridade en toda a contorna, a posta en funcionamento do servizo de videovixilancia xa instalado e o amaño e limpeza das parcelas baleiras e dos espazos comúns dos polígonos.

Comentarios