Lara Méndez afirma que Lugo chegará a 2023 "cos deberes cumpridos en calidade ambiental"

Asegura que a cidade xa conta con zonas de baixas emisións
Lara Méndez, en un pleno. XESÚS PONTE
photo_camera Lara Méndez, no pleno. XESÚS PONTE

"Lugo chegará ao 2023 cos deberes cumpridos en materia de calidade ambiental", asegurou este martes a alcaldesa Lara Méndez para certificar que a cidade está xa preparada para sumarse ao estado de urxencia climática que acaba de decretar o Goberno central e que implicará que as cidades de máis de 50.000 habitantes deban crear zonas de baixas emisións.

Lara Méndez considera ademais esta medida como "unha iniciativa acertada, de sentido común e congruente cos retos que impón a loita contra o cambio climático". Recorda que este é un obxectivo no que Lugo leva anos traballando "e que asimilamos ao noso proxecto de cidade inspirado en políticas transversais que apostan pola sustentabilidade como única posible estratexia de desenvolvemento e mellora da calidade de vida dos nosos habitantes".

Neste sentido, a rexedora aludiu a intervencións postas en marcha ou deseñadas polo Concello como as peonalizacións proxectadas durante o anterior mandato para a rúa Quiroga Ballesteros e a Ronda da Muralla na Mosqueiraque considera que contribuirán a reverter os efectos do cambio climático.

Tamén recordou que Lugo xa conta con zonas de baixas emisións, como pode ser a contorna da muralla ou o barrio da Piringalla, onde explica que en anos anteriores procedeuse ao "acougado do tráfico, non só para favorecer a mobilidade peonil e gañar en seguridade viaria senón tamén para mellorar a calidade do aire".

Méndez insiste en que a adaptación á urxencia climática "non é, non caso de lugo, un futurible, senón un proxecto real"

A alcaldesa insistiu en que a decisión do Executivo estatal "non é, non caso de Lugo, un futurible, senón un proxecto real que terá a súa culminación coa creación dun barrio multiecolóxico, recentemente presentado na Cume do Clima de Madrid cunha gran repercursión". Explicou que a parte máis tanxible deste proxecto verase pronto coa construción dun edificio que será capaz de autoabastecerse energéticamente e que estará realizado integramente en madeira. Ademais, destaca que este material "non só conseguirá potenciar o sector forestal, básico para toda a provincia, senón que, cremos, será o elemento estrutural das edificacións do futuro xa que consegue reducir nun 90% as emisións de CO2 á atmosfera".

Deste proxecto, a rexedora tamén recordou que inclúe un bosque urbano, de máis de 40 hectáreas e integrado por 15.000 exemplares de especies autóctonas, situado no medio de dous polígonos industriais -O Ceao e As Gándaras-, e que di que xa certifica o seu impacto ambiental na contorna segundo determinan os estudos realizados pola Universidade Politécnica de Madrid.

"A plantación de cultivos enerxéticos e a recuperación do humidal xunto á próxima construción do Impulso Verde e a creación de xardíns verticais e dunha zona de hortos está a demostrar xa que a expansión da infraestrutura verde urbana xera un balance neto positivo de absorción de dióxido de carbono que axudará a reducir vos efectos do cambio climático e a mellorar a resiliencia e a sustentabilidade, o que demostra que estamos a camiñar na senda adecuada", concluíu a alcaldesa.

Comentarios