Lugo é das urbes de orixe romana que peor 'vende' o seu patrimonio

Unha procura na rede pode levar a un foráneo a unha páxina que fala da muralla "medieval" e a información está espallada
Referentes

Lugo véndese mal. Se vostede fose un turista pensando en viaxar á cidade e consultase a Google, un dos primeiros sitios nos que podería caer é nunha páxina de Tripadvisor que fala do "centro de interpretación da muralla medieval". Si, leu ben: "muralla medieval". Hai unha parte positiva: as opinións dos viaxeiros poñen polas nubes ese espazo de referencia para descubrir a capital. Para o 51% dos visitantes é "excelente" e para o 41 por cento "moi bo".

O centro é hoxe un referente para iniciarse no coñecemento do Lugo romano e na historia da cidade. E nótase no número de viaxeiros que recibiu en 2019, un total de 44.408 persoas.

Pero se Lugo cativa non é en internet. Quizais as páxinas de turismo máis visuais sobre Lugo son as da Xunta a da Terras de Lugo. A información municipal, a día de hoxe, é pobre.

Tampouco o Museo Provincial, que a día de hoxe custodia as mellores pezas do Lugo romano que están musealizadas, vende ben en internet ese patrimonio.

Bastantes dos centros que custodian patrimonio romano teñen como orixe os museos arqueolóxicos provinciais

URBES QUE SON REFERENTE. Mentres a cidade debate sobre se se debe construír un museo da romanización e onde debería facerse (coa Administración local e gran parte dos colectivos sociais apostando por San Fernando), hai urbes da antiga Hispania que teñen xa moi superados eses debates e traballan con modelos de promoción asentados e que se apoian, primeiro que nada, en estratexias de traballo e de difusión cultural e turística.

Un carácter referente teno Mérida, onde funciona desde hai moitos anos un consorcio que traballa na conservación e a promoción. A cidade estremeña é coñecida en parte polo Museo Nacional de Arte Romana, que custodia excepcionais pezas nun edificio espectacular.

O museo é parte esencial do patrimonio emeritense, pero non todo. De feito, este está moi próximo aos edificios do teatro e do anfiteatro, seguramente as dúas xoias da cidade que máis visitas motivan á localidade e que, máis aló de polo seu valor, fixéronse coñecidos do gran público polo festival de teatro clásico.

Mérida informa ben na rede do seu patrimonio, das visitas diúrnas e nocturnas que se poden facer e ata da relación de guías e empresas que realizan visitas guiadas.

Tarragona e Córdoba, as dúas capitais da antiga Hispania, tamén se distinguen pola súa capacidade para proxectarse.

A cidade catalá, que logrou o Patrimonio da Humanidade á vez que a muralla de Lugo, véndese mellor, máis visualmente, que Lugo. Ten un Museo Nacional Arqueolóxico, cuxa orixe data de mediados do século XIX e que agora está pechado por reformas, pero sobre todo ten unha estratexia de dar a coñecer o seu legado como un conxunto de espazos expositivos e unha ruta para descubrir os principais monumentos desa época, múltiples e moi importantes.

As urbes con modelos máis dinámicos combinan as redes museísticas con sistemas moi visuais de difusión turística

Córdoba ten tanto patrimonio que non coloca o romano en primeiro lugar. Con todo, como cidade véndese moi ben e a herdanza romana tamén ocupa o seu espazo. O museo arqueolóxico construíuse aproveitando o achado do teatro romano, que así queda incorporado ao centro expositivo.

Esa fórmula de museo que á vez envolve unha parte relevante do patrimonio repítese en varios lugares, incluída Cartaxena, onde o museo inclúe unha necrópole, aínda que non queda á beira da maioría dos monumentos que constitúen o groso do patrimonio arqueolóxico que motiva unha visita a esa cidade.

Zaragoza, outra das cidades máis importantes apostou por catro museos, unha forma de poñer en valor os catro grandes enclaves arqueolóxicos: o foro, o porto fluvial, as termas e o teatro.

En León, que agora está a revisar o seu modelo cultural, a musealización da pegada romana non pasou por un museo, senón por un centro de interpretación. En Astorga si se apostou en cambio polo museo, que inclúe ideas que se expoñen para o barallado en Lugo, como a exploración do proceso de romanización do noroeste.

MéridaMérida | A xoia da coroa
O Museo Nacional de Arte Romana custodia un patrimonio impresionante nun edificio espectacular e ao pé dos monumentos de referencia.
TarragonaTarragona | Un museo e unha rede
Tarragona conta cun museo arqueolóxico, pechado agora por reforma, que complementa unha rede de espazos arqueolóxicos e áreas expositivas.
CórdobaCórdoba | O teatro dentro do museo
En Córdoba, o museo arqueolóxico non se limita a Roma, pero dentro do recinto atópase o xacemento arqueolóxico do teatro romano.
CartaxenaCartaxena | Envoltorio dunha necrópole
En Cartaxena o actual museo arqueolóxico construíuse en 1982 e envolve unha necrópole tardorromana. O eixo promocional vai máis aló do museo.
ZaragozaZaragoza | Catro espazos museísticos
Zaragoza conta con catro museos para exhibir os seus maiores tesouros romanos. Son os do foro, o porto fluvial, as termas e o teatro romano.
AstorgaAstorga | Exploración das orixes
A Ergástula, o museo de Astorga sobre a orixe romana, explora o patrimonio e tamén a romanización do noroeste e os pobos indíxenas.
LeónLeón | Un centro de interpretación
León, en proceso de revisión da súa estratexia sobre patrimonio, conta cun centro de interpretación complementario do patrimonio visitable.
SaguntoSagunto | Un centro encostado ao teatro
En Sagunto a xoia é o teatro, con 8.000 localidades, e en 1952 construíuse, encostado, un museo arqueolóxico, declarado monumento histórico.
CádizCádiz | Espazos variados en monumentos
O Museo de Cádiz dedica oito salas á pegada romana, pero a cidade ten tamén un museo no teatro e outro na chamada Casa do Bispo.
PamplonaPamplona | Un mosaico no museo
En Pamplona, a pegada romana non parece recibir atención especial, o museo custodia un das mellores pezas: o mosaico do Triunfo de Baco.


O modelo dos pequenos museos  

Hai fórmulas estendidas que Lugo aplicou, como a de musealizar in situ restos e abrir pequenos museos. Así se crearon a Casa dos Mosaicos, o museo de San Roque, a sala Porta Miñá ou a Domus de Mitra, esta xestionada agora pola USC.  

Os mosaicos son centros que se enmarcan nunha tendencia na oferta turística pero sobre os que, igualmente, os turistas teñen difícil decatarse de que existen ata que chegan a Lugo.  

Con todo, algúns teñen datos respectables de visitas. A Casa dos Mosaicos, por exemplo, tivo o ano pasado 27.036 visitantes, segundo datos do Concello. Do estranxeiro, procedían 3.822, e 15.822, do resto de España. Logrouse esa cifra incluso a pesar de que durante parte do ano non funcionou o vídeo que axuda ao visitante a situarse no contexto do edificio que visita.  

Lugo gaña turistas aínda que a proxección da imaxe da cidade falle. Segundo os datos dados a coñecer pola Xunta esta semana, a cidade logrou en 2019 un 4 por cento máis de visitantes, ata alcanzar os 161.376, e chegouse ás 298.104 pernoctas. Esa realidade xa se adiviñaba polo constante aumento de prazas hostaleiras na cidade.

Comentarios