Lugo ultima a apertura de cinco novos aparcadoiros urbanos gratuítos

Garabolos, Lamas de Prado, A Milagrosa, Paradai e Avenida de Madrid contarán con novas prazas para vehículos

Coches mal aparcado en Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Coches mal aparcado en Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)

O goberno local de Lugo informou de que ultima a apertura de cinco novos aparcadoiros urbanos, que serán gratuítos para os usuarios, co obxectivo de incrementar o número de prazas de estacionamento en zonas da cidade que están congestionadas e nas que resulta moi difícil atopar un sitio para aparcar.

Fontes do Concello de Lugo informaron a Efe de que as obras para proceder á apertura desas áreas, que forman parte do programa de aparcadoiros disuasorios deseñado polo goberno local de Lara Méndez, están practicamente finalizadas.

A maioría deses cinco aparcadoiros, situados en Garabolos, Lamas de Prado, A Milagrosa, Paradai e Avenida de Madrid, xa foron pavimentados e sinalizados.

Trabállase agora na colocación dos valos perimetrales que delimitarán eses recintos.
Eses cinco primeiros aparcadoiros quedarán abertos no mes de abril.

Quedan pendentes outros dous aparcadoiros incluídos no mesmo programa, concretamente os que irán emprazados na Praza de Aviador Parga Cerdeira e na Rúa Jacinto Calvo, onde a empresa concesionaria está a reforzar o chan das parcelas, dado que era "pouco consistente" para proceder directamente co pavimentado.

O investimento do Concello neses sete aparcadoiros disuasorios é de 253.000 euros e a intervención supón actuar sobre uns 6.000 metros cadrados, repartidos en sete parcelas nas que se crearán 203 novas prazas de aparcadoiro. 

Comentarios