sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Lugo, na tumbona con paraugas

Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia. AEP
O quecemento global está a modificar as condicións climáticas propias da cidade â?? Os lucenses preocúpanse pola situación ambiental e sinalan á industria como culpable

O mes de xullo en Lugo desenvolveuse a medio cabalo entre os días cargados da primeira quincena e as tardes asolladas da segunda. Aínda que é algo "habitual", segundo considera Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia, esta tendencia aproxímase cada vez máis aos peores escenarios debuxados polos científicos.

Iso significa que o deste ano non é un verán atípico, por moito que os lucenses estean fartos de auga, pero que si o serán os seguintes en caso de non parar o cambio climático. "Os datos", alerta Taboada, "dinnos que a temperatura vén aumentando 0,2 graos por década. Falamos de temperaturas medias, por iso os cidadáns poden non ter a percepción de que o cambio climático exista".

De manter o estilo de vida actual, Lugo e outras partes de Galicia presentaría un clima cada vez máis "extremo. Non pasariamos a ser Sevilla, pero si que poderiamos adquirir condicións propias de zonas como o Bierzo", alerta o catedrático de física aplicada pola Universidade de Santiago José Antonio Rodríguez Añón.

O aumento de temperaturas, a concentración de choivas en poucos meses ou a modificación das estacións son algúns dos cambios que carrexa a crise climática: "Estamos a perder a primavera e o inverno", apunta Taboada.

Non fai falta ser experto, tan só bo observador para darse conta. Os lucenses máis veteranos como, Juan Antonio, nacido en 1936, teñen claro que o clima de Lugo non é o mesmo que fai 80 anos: antes chovía máis e facía menos calor. "O tempo agora está moito máis revolto, un día fai sol e o seguinte chove", quéixase este cidadán.

Medidas. A loita contra a crise ambiental debe ser multidisciplinar e transversal. Rodríguez Añón mantén que as medidas gobernamentais deben acompañarse dun consumo máis responsable: "Se somos capaces de cambiar a nosa mentalidade pódense facer moitísimas cousas".

Optar comprar produtos locais de tempada pode ser o primeiro paso para loitar contra o cambio climático a nivel individual. "A cantidade de enerxía e emisións que pode producir importar un aguacate, por exemplo, é incrible; pensen en toda a loxística que hai detrás da súa viaxe desde un país latinoamericano ata as nosas casas", pon de exemplo o físico.

A subida da temperatura media, o adianto das estacións e os episodios de fortes precipitacións están ligados á crise climática 

A pesar de todo, Añón é consciente de que o factor económico inflúe na toma de decisións, algo que tamén teñen presente lucenses como Alberto e Laura: "Claro que podemos achegar o noso gran de area cambiando certos hábitos, pero gran parte da culpa é da industria".

Outras medidas que poden axudar a diminuír a pegada ecolóxica é reducir o uso do coche. Neste sentido, Juan Taboada resalta a importancia da peonalización para "mitigar as emisións e facer unha mobilidade eficiente e responsable".

Unha boa xestión urbanística tamén pode solucionar o problema das illas de calor nas cidades. Este fenómeno prodúcese en núcleos urbanos moi asfaltados pero con poucos espazos verdes, como parques ou zonas arboredos, que deriva nun incremento das temperaturas nas cidades.

Añón recomenda aos cidadáns apostar polas vivendas energéticamente eficientes: "Investir na instalación de paneis solares, biomasa ou camisetas térmicas para edificios son opcións moi interesantes e que, a longo prazo, son rendibles".

Lugo, na tumbona con paraugas
comentarios