Lugo xa ten novo comisario xefe

José María Esteban Corral substitúe no cargo a Antonio Villamarín, que se xubilou no mes de decembro

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, recibiu este venres ao novo comisario xefe do Corpo Nacional de Policía nesta provincia, José María Esteban Corral, un graduado en Criminología que chega ao posto procedente da localidade asturiana de Avilés, logo dunha traxectoria profesional que foi distinguida con numerosas "condecoracións".

Segundo informou a Subdelegación do Goberno, Isabel Rodríguez aproveitou este primeiro encontro co novo comisario xefe para "desexarlle moitos éxitos no cargo", pero tamén para "pedirlle o máximo compromiso para garantir a seguridade de todos os lucenses". Así mesmo, a subdelegada tamén destacou "que a brillante traxectoria profesional do novo comisario é unha garantía para todos os lucenses", ademais de expresar a súa confianza en que "o seu traballo suporá un importante respaldo para os membros do Corpo Nacional de Policía" nesta provincia.

José María Esteban Corral (Madrid, 1958), que ata o seu nomeamento era o xefe da Comisaría de Avilés, é graduado en Criminología e ingresou na Escola Superior de Policía en 1983. Substitúe no cargo a Antonio Villamarín, que se xubilou no mes de decembro.

Durante a súa traxectoria profesional recibiu distintas condecoracións como a Encomenda de Número da Orde ao Mérito Civil, a Insignia da Real Orde de Vítimas do Terrorismo, a Cruz ao Mérito Policial con Distintivo Vermello, dúas cruces ao Mérito Policial con Distintivo Branco e Medalla, Cruz, Encomenda e Placa á Dedicación ao Servizo Policial.