Lugo tamén se ofrece para acoller a refuxiados do Aquarius

O Concello espera agora "instrucións" por parte da Fegamp para "ver como pode colaborar" cos recursos municipais a mitigar esta crise humanitaria

Miguel Fernández. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Miguel Fernández. VITORIA RODRÍGUEZ

O portavoz do goberno local, Miguel Fernández, informou de que "hoxe mesmo" o Concello de Lugo remitiralle unha "comunicación á Fegamp" e á FEMP logo das "conversacións" mantidas con organizacións como a Cruz Vermella, para ofrecer as "infraestruturas" das que dispón a administración local de cara a acoller a algúns dos refuxiados que viaxan a bordo do Aquarius.

En rolda de prensa, despois da reunión semanal da xunta de goberno municipal, Miguel Fernández, precisou que o Concello de Lugo espera agora "instrucións" por parte da Fegamp para "ver como pode colaborar" cos recursos municipais a mitigar esta crise humanitaria.

Asegurou que por parte do goberno local son "moi sensibles" con este tipo de situacións, ademais de "aplaudir" o "cambio de actitude" que se produciu por parte do Goberno de España coa chegada ao poder do PSOE.

Fernández precisou que o Concello de Lugo está disposto a pór a disposición das organizacións que coordinarán a acollida dos refuxiados "toda a infraestrutura municipal", que conta con pisos, "casas de acollida e comedores sociais".

Comentarios