Lugo sen Mordazas convoca unha manifestación contra o borrador de ordenanza cívica

Terá lugar este mércores ás 20.30 horas na Praza de Santa María, para "recuperar as rúas"

Activistan toman el salón de plenos en protesta por la ordenanza cívica. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Activistas toman o salón de plenos en protesta pola ordenanza cívica. VICTORIA RODRÍGUEZ

A plataforma Lugo sen Mordazas convocou para este mércores 26 de setembro unha manifestación coa que pretende "unir a todas as voces subversivas e discordantes da cidade contra o novo proxecto" de Ordenanza Cívica, cuxo borrador foi presentado polo goberno municipal que preside a socialista Lara Méndez.

A plataforma fai un chamamento" á cidadanía para que se sume a esta protesta, porque opina que aínda está "a tempo de parar unha lei que non foi aprobada" e que suporá, ao seu xuízo, "retroceder nos dereitos civís máis básicos", co obxectivo último de crear "unha cidade feita para unha minoría privilexiada".

Recorda que o borrador desa ordenanza contempla sancións de ata "3.000 euros por pedir esmola na rúa, vender chisqueiros, panos ou calquera obxecto nos semáforos", mentres que "vender chatarra" no municipio pode carrexar sancións de ata "1.500 euros".

Segundo a interpretación que fai a plataforma dese borrador, tamén se podería sancionar ata con 750 euros de multa a aqueles cidadáns que leven cadeiras para sentar nun parque, que se laven nunha fonte pública, que lle dean de beber a un animal de compañía ou que se boten a durmir a sesta nun banco. Asegura a plataforma que ese tipo de medidas son só un exemplo doutras "moitas que seguen a mesma liña reaccionaria e clasista" para impor "un hipotético civismo".

Ao seu xuízo, responden "a unha tendencia deste Concello", dado a facer "política para unha minoría", polo que chama á manifestación, que terá lugar ás 20.30 horas na Praza de Santa María, para "recuperar as rúas". 

Comentarios