Lugo reúne o fin de semana expertos en atención a maiores para abordar o envellecemento

Haberá mesas de debate sobre a atención á soidade, os trastornos neurolóxicos, os coidados extrahospitalarios e a dependencia
Personas mayores. AEP
photo_camera Persoas maiores. AEP

O Concello de Lugo reunirá esta fin de semana no centro cultural Vello Cárcere expertos en atención a persoas maiores, para abordar os retos de futuro que representa o envellecemento poboacional. Será no marco da I Xornada de Traballo sobre a Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores, que comezará o venres —ás 17.00 horas— e se artellará ao redor de catro mesas de debate sobre a atención á soidade, os trastornos neurolóxicos, os coidados extrahospitalarios e a dependencia.

A concelleira da área, Olga López, asegura que o obxectivo destas xornadas é avaliar, "desde múltiples perspectivas", o funcionamento actual dos mecanismos e recursos empregados nesta área, así como o modo de melloralos e alcanzar unha boa coordinación para facer os resultados máis efectivos. Para iso, contarase coa participación de representantes non só de entidades para a atención de persoas maiores —como Cruz Vermella, Adace, Aspalu ou Afalu—, se non tamén con profesionais do servizo de Xantar no Fogar, centros de día, traballadores sociais ou persoal sanitario. 

Esta primeira edición contará, ademais, cunha charla maxistral a cargo de José Antonio López Trigo, xeriatra, traballador do Concello de Málaga e expresidente da Sociedade Española de Xeriatría. 

Comentarios