Lugo reabrirá este mes o antigo cárcere convertido en espazo cultural

O edificio rehabilitado é un dos tres centros penais "modelo" que aínda se conservan en España
Fachada principal del futuro centro cultural Vello Cárcere
photo_camera Fachada principal del futuro centro cultural Vello Cárcere

O goberno local de Lugo confirmou que o antigo cárcere do partido xudicial reabrirá de novo as súas portas o día 30 de marzo, convertida xa nun espazo cultural en pleno centro da capital lucense, logo dun investimento de seis millóns de euros para rehabilitar o edificio e de varios anos de obras. 

O novo centro cultural, situado a só un centenar de metros da Muralla romana, Patrimonio da Humanidade, ten que estar aberto antes de que termine este mes, porque pola contra o Concello de Lugo correría o risco de perder un investimento de catro millóns de euros do plan europeo Urban. 

Para a inauguración do novo centro cultural foron invitados todos os alcaldes do partido xudicial de Lugo, así como o subdelegado do Goberno, o presidente da Deputación de Lugo e o delegado territorial da Xunta de Galicia, ademais de representantes das asociacións culturais e veciñais da propia cidade. Para a inauguración, o goberno local está a traballar na preparación dun espectáculo de danza e música. 

A primeira actividade que acollerá o centro cultural será unha exposición sobre os presos que pasaron por ese edificio

En canto á primeira actividade cultural que acollerán as paredes do vello cárcere, será unha exposición sobre os presos que pasaron por ese edificio cando era o centro penal do partido xudicial. Na elaboración desa exposición está a colaborar un grupo de expertos da Universidade de Santiago de Compostela e da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que levan "máis de dous anos traballando na recompilación de datos sobre as persoas que pasaron" polo vello cárcere, segundo informou a edil de Cultura, Carmen Basadre. 

O edificio rehabilitado é un dos tres centros penais "modelo" que aínda se conservan en España –xunto cos de Barcelona e Xixón–, pero agora reabre as súas portas como un centro cultural cunha función totalmente diferente á concibida polos seus deseñadores. O investimento total na rehabilitación deste inmoble roldou os seis millóns de euros, financiados con cargo ao plan europeo Urban e con achegas do Concello de Lugo e da Deputación Provincial. 

O novo centro cultural contará cun auditorio dotado con 137 butacas, camerinos, unha biblioteca, espazos expositivos, unha tenda e unha cafetería-miradoiro no último piso con vistas ao centro histórico de Lugo, dado que se atopa a poucos metros da Muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade.