Lugo é a provincia coas baixas máis longas por accidentes de circulación

Os lesionados pasan unha media de 78 días de incapacidade temporal, cunha idade media das vítimas de 39 anos
undefined
photo_camera Un accidente rexistrado na A-8 ao seu paso por Baamonde. AEP

Lugo é a provincia do país coas baixas máis prolongadas polas lesións que provocan os accidentes de tráfico. Esta polo menos é a conclusión alcanzada polas aseguradoras tras contabilizar as indemnizacións abonadas o pasado ano en todo o territorio nacional.

Segundo os datos que manexa o sector, os feridos nos sinistros viarios rexistrados na provincia lucense en 2019 estiveron de baixa temporal unha media de dous meses e medio —máis concretamente 78,4 días— encabezando deste xeito unha táboa que pechan os lesionados en Las Palmas, con 45,9 días de media, o que se traduce nun mes menos de baixa. Por detrás de Lugo, as estatísticas sitúan a Albacete (70,9), Huesca (66,8), Teruel (65,8), Asturias (65,6) e Málaga (65,4).

En canto á idade dos accidentados, as compañías sinalan que a duración da incapacidade temporal "tende a ser bastante proporcional aos anos", é dicir, a maior idade, máis longo é o período de baixa. Na provincia lucense, a idade media sitúase en 39,7 anos, ocupando o sétimo posto da lista nacional, que encabeza Zamora, cunha idade media de 44,4 anos, e pecha Melilla, con 32,7.

SECUELAS. Os accidentes de circulación provocaron multitude de danos corporais e secuelas de diversa consideración. Só o ano pasado, as compañías contabilizaron en Lugo 1.125 baixas derivadas dun sinistro na estrada e indemnizaron a 516 persoas por secuelas de diverso tipo e gravidade.

A maior parte dos afectados, en concreto o 70,31% sufriron secuelas de carácter leve, normalmente lesións relacionadas co denominado lategazo cervical. No 28,75% dos casos foron moderadas, no 0,63% consideráronse moi graves, e en 0,31% restante foron graves.

As aseguradoras contabilizaron o ano pasado 1.125 baixas e indemnizaron a 516 lucenses polas secuelas sufridas

A nivel nacional, tres de cada catro secuelas sufridas en accidentes de tráfico en 2019 localizáronse no sistema músculo-esquelético, un capítulo no que se inclúen traumatismos, fracturas e outras lesións da columna vertebral e das extremidades. Na provincia de Lugo, este tipo de danos corporais acapararon o 83% das indemnizacións abonadas polo seguro, seguidos, a moita distancia, dos prexuízos estéticos (8,53%), os danos que afectaron o sistema nervioso (3,94%), aos órganos dos sentidos, cara e pescozo (2,49%) e ao sistema dixestivo (1,05%). As compañías abonaron tamén na provincia algunhas indemnizacións por lesións que afectaron o sistema cardiorespiratorio das vítimas e ao sistema vascular.

Tal e como revelan as estatísticas, a idade media das vítimas de secuelas en Lugo foi de 47 anos, catro por encima da media do país, que se sitúa en 43. "As idades", explican, "apenas varían se se ten en conta a gravidade da secuela".

FALECIDOS. Ademais de responder ante os lesionados, as compañías indemnizaron o pasado ano 15 falecementos en sinistros de circulación. Estas mortes deixaron un total de 79 prexudicados, practicamente todos fillos, cónxuxes, pais e irmáns da persoa que truncou a súa vida sobre o asfalto. A realidade que reflicten os datos do seguro dá conta da crúa realidade que deixa tras de si a sinistralidade viaria, que ademais de cobrarse vidas, destrúe os familiares que xa non volverán ver a un ser querido que nunca chegou ao seu destino.


As estradas lucenses ocupan o cuarto posto en contratempos de gravidade
No relativo á gravidade media dos accidentes de tráfico, as compañías aseguradoras explican que os cocientes maiores "tenden a presentarse no mesmo tipo de territorios: provincias con densidades demográficas relativamente baixas, nas que os desprazamentos medios recorrentes e relativamente longos son bastante comúns". 

O pasado ano, Huesca foi a provincia cos contratempos medios máis graves —un terzo máis que o conxunto de España—, seguida de Palencia, Segovia, Lugo e Lleida. Pola contra, as provincias con menores gravidades medias dos seus accidentes con vítimas foron Madrid, Álava, Valladolid, Valencia e Castelló. 

Por meses, a provincia de Lugo unicamente rexistrou unha gravidade media inferior ao conxunto de España en marzo. O resto do ano, as cifras situáronse por encima da media nacional e os peores meses foron xuño, cunha gravidade un 76,50% superior á media; agosto (36,82%) e maio (22,82%). E por días da semana, en Lugo, as xornadas máis críticas o pasado ano en termos de seguridade viaria foron os luns, con accidentes cunha gravidade un 75,87% por enriba da media, seguidos do sábado (21,89%) e do domingo (19,14%). 

No conxunto do país, a xornada que máis sinistros de todo tipo rexistrou o pasado ano foi o 15 de marzo, con 982, un cada minuto e 28 segundos. A xornada con menos accidentes na estrada foi curiosamente o día de Nadal, 25 de decembro, cando se contabilizaron unicamente 132.

Un accidente con feridos cada cinco horas e 16 minutos

As aseguradoras rexistraron o ano pasado na provincia de Lugo un total de 1.661 sinistros con vítimas. Este dato supón que cada 5 horas e 16 minutos rexístrase na provincia un accidente deste tipo, nos que interveñen as compañías de seguros. Estes datos deixan patente que os esforzos dos distintos sectores implicados en mellorar a seguridade viaria están máis que xustificados e nunca son demasiado estritos.

En España rexistráronse o pasado ano 293.318 vítimas directas de accidentes de tráfico, é dicir, persoas feridas, falecidos e familiares indemnizados.

Comentarios