Lugo prorroga a exención no pago por terrazas durante todo 2021

Estas medidas teñen como principal obxectivo manter os postos de traballo e evitar o peche de negocios por mor da pandemia
Una terraza en A Milagrosa. SEBAS SENANDE
photo_camera Unha terraza na Milagrosa. SEBAS SENANDE

O goberno local de Lugo comunicou que o Concello prorrogará durante todo 2021 a exención de pago pola instalación de terrazas na vía pública, en resposta á petición formulada polos hostaleiros da cidade e como unha medida máis de apoio a un dos sectores máis prexudicados pola pandemia e polas restricións para atallar os contagios da covid-19.

Avanzoullo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, na reunión que ambos mantiveron esta mañá.

"Como resposta ás peticións do sector, desde o goberno municipal acordamos non liquidar as taxas das terrazas ao longo do próximo ano. Con esta medida buscamos apoiar a hostalería local e mitigar, na medida do posible, as consecuencias derivadas da crise sanitaria", dixo a alcaldesa aos medios de comunicación.

Así mesmo, o goberno local tamén eximiu do pago do canon correspondente ás concesionarias das cafeterías instaladas en dependencias municipais, polo menos ata que poidan reabrir as súas portas.

Tampouco se lle está cobrando o aluguer ás empresas instaladas nos viveiros do CEI-Nodus nin na Tinería.

"Estas medidas teñen como principal obxectivo manter os postos de traballo e evitar o peche de negocios por mor da pandemia", concluíu. 

Comentarios