Lugo prende a súa vida do muro

Varias actividades de música, poesía e turismo organizadas polo Concello e a Xunta serviron para que os lucenses rendesen unha nova homenaxe ao emblemático monumento

Como todos os días, aínda que nesta ocasión dun xeito máis consciente e especial, moitos lucenses converteron a muralla no centro das súas vidas, unha comuñón entre muro e cidade que pesou á hora de decidir a catalogación como Patrimonio da Humanidade.

Así, varias decenas de lucenses tomaron parte nos paseos organizados pola delegación da Xunta en Lugo e dirixidos polo guía turístico Guido Álvarez, nos que este explicou detalles pouco coñecidos do monumento, incluso para algúns lucenses.

O último grupo, ademais, puido gozar unha vez caída a noite da iluminación ornamental que o departamento que dirixe Javier Arias encargou para o aniversario, coa proxección de motivos conmemorativos nas portas de San Fernando e Bispo Aguirre.

Tampouco escatimou en celebracións a concellaría de cultura e turismo do Concello, que apostou pola música e a poesía como mellor xeito de render respecto ao emblemático símbolo de Lugo.

Así, as composicións de Beethoven, Mozart e outros emblemas da música clásica soaron na Praza Pío XII da man do coro e a orquestra de clarinetes do Conservatorio Xoán Montes.

Logo, os asistentes puideron gozar dun paseo poético-musical, en cuxa organización tomou parte a revista Xistral. Yuri, Rulos, Cantigas e Frores ou A Volta do Agro puxeron a música para acompañar as voces de José Estévez López, Manuel Celso Matalobos, Paco neto ou Paco Martín recitando poemas sobre a muralla.

Comentarios