miércoles. 21.08.2019 |
El tiempo
miércoles. 21.08.2019
El tiempo

Lugo pon en marcha "sen incidentes" a e-administración municipal

Oficinas do Concello de Lugo. SEBAS SENANDE
Oficinas do Concello de Lugo. SEBAS SENANDE

O goberno local asegura que a iniciativa se desenvolveu "con pleno éxito"

O goberno local de Lugo informou de que a posta en marcha da administración electrónica no Concello desenvolveuse "con pleno éxito" e "sen incidentes" nas áreas nas que este luns quedou implantada, concretamente no Rexistro e en departamentos relacionados coa Policía Local, cemiterio municipal, Tarxeta Cidadá e Estatística.

A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, supervisou en persoa as primeiras operacións, desenvolvidas por un equipo de funcionarios, apoiados por persoal da empresa adxudicataria do proxecto Smart City.

Nesa primeira xornada de funcionamento da e-administración no Concello de Lugo, realizáronse 209 rexistros municipais e os funcionarios dixitalizaron ao redor de medio milleiro de documentos.

Durante esta primeira fase de implantación, os cidadáns aínda teñen que presentar a documentación en papel ante as instancias municipais, pero o goberno local aclarou que "a medida que se vaia implementando a e-administración xa non será necesario".

"Cando estea a funcionar ao 100%, tanto as empresas como os veciños poderán tramitar a maioría dos expedientes desde os seus computadores e poderán seguir" a súa tramitación administrativa "en cada momento", aclara.

O proceso de "implementación" proseguirá "durante os meses de agosto e setembro", co obxectivo de que despois do verán os cidadáns comecen a percibir "de forma máis evidente os beneficios da e-administración".

Lugo pon en marcha "sen incidentes" a e-administración municipal
Comentarios