Lugo organiza actividades infantís "para facilitar a conciliación" durante o Nadal

O obxectivo é que "as nenas e nenos poidan divertirse e aprender" mentres os pais e nais realizan as compras na Praza de Abastos e o Mercado
Cristina López e Rubén Arroxo. EP
photo_camera Cristina López e Rubén Arroxo. EP
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou este venres unha serie de actividades infantís na Praza de Abastos e no Mercado Municipal "para que as nenas e nenos poidan divertirse e aprender mentres as nais e pais realizan as súas compras" nestes dous lugares.

Desde a área de Participación búscase "facilitar a conciliación familiar nas fins de semana, e facilitar que a veciñanza poida achegarse a coñecer os produtos de primeira calidade que se comercian na Praza e no Mercado".

As distintas actividades terán lugar nas mañás dos días 4, 11, e 18 de decembro, e o 4 de xaneiro, en horario de 11 a 14 horas.

López afirmou que "estas actividades únense á campaña O noso mercado é un agasallo", para promocionar a Praza e o Mercado, "e complementaranse con novas actividades para o período vacacional do Nadal".

Actividades programadas
►4 de decembro: obradoiro de modelaxe en arxila polimérica de secado ao aire.
►11 de decembro: obradoiro de cociña: Galletas de Nadal.
►18 de decembro: obradoiro de scrapbooking de Nadal.
►4 de xaneiro: obradoiro de cociña: Roscón de Reis.

Comentarios