Lugo Monumental repartirá mil euros en premios de Entroido

O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de febreiro

A asociación Lugo Monumental repartirá este ano mil euros cos seus premios de animación rueira en Entroido. Os premios, de 600, 300 e 100 outorgaranse ás tres cuadrillas máis votadas pola súa participación na festa que se celebrará entre o 1 e o 5 de marzo.

Para optar aos premios será preciso inscribirse previamente, un trámite que se pode facer enchendo un formulario que se pode descargar na web www.lugomonumental.es. O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de febreiro.

Os gañadores do concurso serán elixidos entre os representantes dos vinte e sete locais do centro histórico que apoian o concurso, polo que a organización anima aos grupos a actuar nos espazos nos que se sitúan os locais que promoven o concurso. O fin é encher o centro de animación.