Lugo Monumental propón a creación dun distintivo para empresas antigas da cidade

O obxectivo é que "os lucenses recoñezan e premien ás sagas familiares que manteñen locais tradicionais"

Luis Latorre. AEP
photo_camera Luís Latorre. AEP

A asociación Lugo Monumental, que agrupa aos negocios do centro histórico, propuxo este venres ao Concello da capital lucense a creación dun "distintivo" para recoñecer a traxectoria das empresas máis antigas da cidade.

O obxectivo é que "os lucenses recoñezan e premien ás sagas familiares que manteñen locais tradicionais día tras día", informa a entidade.

Lugo Monumental propón a entrega dun diploma acreditativo para expolo no local ás empresas con máis de vinte e cinco anos; un diploma similar e ademais un distintivo para a fachada -que podería ser utilizado pola empresa na súa cartelería, papelería e redes sociais- para aquelas que superan o medio século de vida; e un diploma, un distintivo e unha placa na vía pública para os negocios que pasen de cen anos.

Trátase, precisou o presidente deste colectivo, Luís Latorre, de visibilizar "ás empresas que perduran no tecido económico de Lugo", do mesmo xeito que se fai noutras cidades, como Madrid".

A asociación considera que "nun momento no que é case unha heroicidade manter á boia unha pequena empresa é importante dar visibilidade ás empresas que levan décadas sostendo unha parte fundamental da economía, o emprego e a vida da cidade". 

Comentarios