Lugo Monumental expón unha moeda cos tres patrimonios da Humanidade da cidade

A Asociación entende que sería unha "magnífica" forma de promoción

A asociación Lugo Monumental planea dirixirse ao Goberno de España para solicitar a emisión dunha moeda de dous euros cun deseño no que se reflictan os tres patrimonios da Humanidade da cidade.

A Asociación entende que sería unha "magnífica" forma de promocionar Lugo de cara ao Xacobeo 2021 e tamén para dar relevancia á cidade.

A normativa europea permite que cada país acuñe dúas moedas en homenaxe aos lugares Patrimonio da Humanidade. Así, o deseño desta poderíase realizar a través dun concurso de ideas, segundo explicou a institución mediante un comunicado.

Lugo Monumental pedirá ao Concello de Lugo, á Deputación Provincial e á Xunta de Galicia que lle remitan sendas misivas de apoio a esta proposta, para acompañala coa súa petición de forma que a unanimidade de todas as administracións sexa un primeiro paso firme para conseguir "un logro promocional sen precedentes".

Lugo é o primeiro punto do Camiño Primitivo desde o que se pode obter a Compostela e ten unha grande importancia como Cidade do Sacramento que a fai o punto de inicio "perfecto" para calquera peregrino.

Comentarios